Entre as novidades hai cursos de gravado contemporáneo e costura creativa
O campus ofrece 14 obradoiros de extensión universitaria abertos á inscrición da cidadanía
O prazo de matrícula está aberto ata o 14 de febreiro
A programación de obradoiros de extensión universitaria do campus de Ourense para este cuadrimestre, organizados pola súa vicerreitoría con financiamento da Deputación Provincial, xa está en marcha. Neste caso son 14 as propostas, moitas delas novidades, ás que se poden apuntar desde o 3 ao 14 de febreiro as persoas interesadas, sexan ou non membros da comunidade universitaria. O prezo de matrícula, que se realiza a través do Campus Activo da UVigo, é de 40 euros para o público xeral, 26 para a comunidade universitaria e 32 para outros colectivos vinculados á Universidade de Vigo. Están recoñecidos cun crédito ECTS por cada 30 horas de traballo, contando os obradoiros cunha media de entre 20 e 35 horas de duración e de 10 a 20 prazas dispoñibles.
Entre as novidades deste cuadrimestre chega un obradoiro de introdución ao gravado contemporáneo dirixido por Javier Blanco. Nel as persoas participantes achegaranse á xilografía, linografía e augaforte e coñecerán diferentes materiais e ferramentas. Tamén se ofrecerá por primeira vez un obradoiro de costura creativa dirixido por Estefanía Carrera e no que se traballará arredor do patrón e a costura a través de telas, prendas recicladas, etc.
Do social ao científico
Outros tres obradoiros teñen como eixo central o ámbito social. Un dos talleres, dirixido por Francisco Javier Aguiar e co título Ferramentas artísticas e socioafectivas para a intervención social, amosará de forma vivencial o enfoque socioafectivo para a intervención social utilizando linguaxes lúdico-artísticas. Pola súa banda, María José Vázquez dirixe outra proposta titulada Artellando estratexias terapéuticas con ciencia e arte na xustiza, que pretende formar ás persoas asistentes en prácticas fundamentadas no paradigma da xustiza terapéutica para desenvolver a xustiza social. Neste bloque tamén hai unha proposta centrada no proceso de reinserción sociolaboral con persoas privadas de liberdade. Dirixido por Jesús Deibe Fernández, este obradoiro permitirá ao alumnado participante coñecer a realidade vivencial das persoas privadas de liberdade.
Xa no ámbito científico haberá un obradoiro de innovación sostible para a valorización de residuos vitivinícolas, dirixido por Pedro Miguel Ferreira. Este taller busca aproveitar os residuos do viño de forma sostible, transformándoos en biocombustibles, materiais ecolóxicos e ingredientes para alimentos. Ademais, volve unha nova edición do curso de introdución á observación astronómica, a cargo de José Ramón Salgueiro e que permitirá ao público coñecer os principais obxectos de observación astronómica, como lúas, planetas e estrelas, e as técnicas de observación máis habituais.
Da danza á música
Son varias as opcións relacionadas coa danza dispoñibles nesta programación de extensión universitaria para o segundo cuadrimestre. Ana María Torrado dirixe unha titulada Danzas do mundo e interculturalidade que abordará un repertorio variado que inclúe danzas infantís, xuvenís, históricas e populares dos cinco continentes. Por outra parte, no marco da Aula de Danza Contemporánea do campus haberá dous obradoiros. Un de creación escénica, a cargo de Ainhoa Linaza, e outro de formación, a cargo de Nuria Sotelo.
Como xa é tradición, os membros da comunidade universitaria e a cidadanía interesada tamén teñen a oportunidade de apuntarse este cuadrimestre ás aulas de artes escénicas do campus de Ourense. As aulas de teatro estarán de novo a cargo de Sarabela Teatro e con dirección de Fernando Dacosta: a aula Rosaura, o primeiro nivel, está aberta ás e aos que se inician no eido teatral, o segundo nivel, Cordelia, ás persoas que xa teñen algo de experiencia e Maricastaña acollerá ás e aos que teñen un nivel máis avanzado. Por último, a aula de gaita continúa baixo a dirección de Gonzalo Abelairas a súa actividade co obradoiro de Música tradicional galega: gaita e percusión, que inclúe nocións da música patrimonial e tradicional, técnicas de gaita, tipos de dixitación e estudo do repertorio, entre outros aspectos.