DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns o reitor e o conselleiro de Economía visitaron as novas infraestruturas

O campus de Ourense acada un 16% de autoabastecemento enerxético coas novas instalacións renovables de xeotermia, aerotermia e fotovoltaica

Permiten unha redución de emisións de carbono de 444 toneladas anuais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 07/02/2022

Unha autoabastecemento enerxético do 16% no campus de Ourense e unha redución de emisións de 444 toneladas de carbono anuais. Estas son algunhas das cifras que reportan as novas instalacións de enerxías renovables postas en marcha no campus de Ourense con financiamento da Xunta de Galicia e que este luns foron oficialmente inauguradas por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Francisco Conde, vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia.

Sostibilidade e aforro

O reitor e o conselleiro visitaron as instalacións fotovoltaicas instaladas na cuberta do edificio Politécnico e as instalacións de xeotermia/aerotermia ubicadas no Edificio de Ferro do campus de Ourense acompañados por José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades; José Luis Míguez, vicerreitor de Planificación e Sostibilidade; Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense; Gabriel Alén, delegado territorial da Xunta en Ourense, e Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social. Estas novas infraestruturas, apuntou Manuel Reigosa, “vannos permitir converter o campus de Ourense nun exemplo de sostibilidade e tamén de aforro”. O responsable institucional quixo trasladar o seu agradecemento ao conselleiro porque, sinalou, sen o apoio económico do seu departamento non sería posible a realización destas iniciativas. Reigosa salientou como o de Ourense “é o primeiro campus que ten esta combinación de xeotermia, aerotermia e fotovoltaica” e salientou como “continuaremos afondando nesta liña de aposta polas renovables para que a Universidade de Vigo no seu conxunto sexa máis sostible e poida servir de exemplo para a cidadanía, para as empresas e para as distintas institucións” neste eido.

Pola súa banda, Francisco Conde agradeceu e puxo en valor “a aposta que está a facer a Universidade de Vigo polas enerxías renovables” e por “contribuír desde a universidade a unha Galicia máis verde e máis sostible”. No caso do campus de Ourense, o conselleiro apuntou que a instalación de xeotermia posta en marcha supón “un dos investimentos máis exemplarizantes do que significan os recursos naturais en Galicia”, lembrando que “Galicia é a comunidade autónoma que máis potencial ten neste eido”. No seu conxunto, o conselleiro destacou a aposta da UVigo “por proxectos disrutivos, por proxectos exemplarizante” e sinalou que o investimento realizado polo seu departamento o pasado ano e este 2022 no eido das enerxías renovables nas tres universidades galegas ascende a dez millóns de euros. “Imos a seguir investindo, porque esta Galicia máis verde ten que vincularse co desenvolvemento das enerxías renovables e neste contexto as propias administracións públicas, e neste caso as universidades, estamos demostrando o noso compromiso”, afirmou Francisco Conde.

Presente e futuro

José Luis Míguez, vicerreitor de Planificación e Sostibilidade da Universidade de Vigo, foi o encargado de, ao remate da visita, explicar o plan de mellora da eficiencia enerxética e redución da pegada de carbono posto en marcha no campus de Ourense e que, indicou, permite xa un autoabastecemento con enerxías renovables do 16%. As actuacións desenvolvidas no campus de Ourense nos dous últimos anos ao abeiro deste plan e financiadas arredor dun 80% pola Xunta de Galicia, abranguen a instalación fotovoltaica situada na cuberta do edificio Politécnico e a instalación híbrida de xeotermia/aerotermia do Edificio de Ferro. Da instalación fotovoltaica destacou que se trata dunha instalación de 100 kWp, 278 módulos e unha eficiencia por módulo do 18,6%. Sobre a instalación híbrida de xeotermia/aerotermia apuntou que é de 500 kW, formada por cinco bombas de calor auga-auga, 36 pozos de 125 m de profundidade situados na súa contorna, e tres unidades de aerotermia exteriores, situadas na cuberta do edificio. En total, indicou, realizáronse  5000 m de perforación para o conxunto dos pozos, que permiten chegar a unha contorna de 18,4 graos de temperatura media. Segundo os datos expostos, a redución de emisións de carbono grazas a estas dúas novas infraestruturas ascende a 444 toneladas anuais (53 no edificio Politécnico e 391 Edificio de Ferro) e o investimento total ascende a 764.968 euros. Ademais, en 2021 supuxeron xa un aforro económico de 40.000 euros.

Actualmente, explicou José Luís Míguez, está en marcha, con financiamento do IDEA, unha instalación solar fotovoltaica de autoconsumo de 100 kW no Edificio de Ferro, que converterá, indicou, a este edificio nun “edificio único” nos campus españois en canto á combinación de enerxías renovables (xeotermia, aerotermia e fotovoltaica). Igualmente, sinalou, están solicitadas ao Inega axudas para a instalación de fotovoltaicas de autoconsumo de 100 kW no Edificio Xurídico-Empresarial, de 60 kW no edificio do Campus Auga e de 50 kW na Biblioteca Rosalía de Castro. “A idea é ir cubrindo a demanda enerxética do campus de Ourense ata chegar a un 40% de autosuficiencia total”, afirmou o vicerreitor.