DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha campaña en colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro

O campus de Ourense aposta por ser un espazo libre de fumes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Saúde
  • Institucional
DUVI Ourense 02/10/2025

O 3 de outubro celébrase o Día das Universidades Saudables e coincidindo con esta data, a Universidade de Vigo e a sede provincial en Ourense da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) presentaron este xoves a adhesión do campus de Ourense á campaña de prevención desta asociación Espazos sen fume e aerosois. A iniciativa realízase ao abeiro dun convenio de colaboración asinado entre as dúas entidades. 

Na presentación da campaña, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, salientou que se trata “dunha iniciativa moi importante” que se pon en marcha despois de ser referendada no Consello de Campus de Ourense polos diferentes colectivos universitarios que o compoñen. “Todos somos conscientes de que é unha medida moi boa; estamos nunha universidade, nun lugar onde prima a educación, e aquí estamos falando de educación fronte a malos hábitos”, sinalou. O vicerreitor destacou que con esta iniciativa “anticipámonos ás prohibicións que vai a haber no futuro coa nova lexislación” e amosou o seu desexo de que contribúa a previr e erradicar os hábitos de fumar e vapear, sobre todo entre o alumnado. Pola súa banda, Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria da UVigo, amosou o desexo da institución académica de estender esta acción a todos os seus campus xa que se trata, dixo, “dunha iniciativa a favor da saúde de todos e todas”.  

Germán Rodríguez, responsable da sede provincial en Ourense da Asociación Española Contra o Cancro, explicou que esta proposta está en consonancia coa liña estratéxica da súa entidade “de concienciar, que significa prevención”. Así, apuntou, “unha das partes fundamentais para evitar enfermidades no futuro é previr e nesta tarefa estamos intentando implicar a toda a sociedade civil”. Neste reto indicou que os campus universitarios son “un eixe estratéxico”, polo que agradeceu a posta en marcha desta iniciativa no campus de Ourense. Trátase, afirmou o responsable da AECC en Ourense, “dun paso que cremos importante para concienciar” e lembrou que “o tabaco é o causante do 30% dos tumores”. 

Os paneis de Campus libre de fumes. Non fumar, non vapear están situados en diferentes espazos universitarios, desde a entrada de edificios ás zonas verdes e neles ofrécese indicacións sobre onde obter máis información para a prevención do tabaco e o vapeo.