DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberto á comunidade universitaria, con modalidades de curto e longo prazo 

O campus pon en marcha un novo sistema de préstamo de bicicletas

Poden solicitarse para o seu uso diario nas diferentes facultades

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 17/01/2022

Co propósito de promover unha mobilidade sostible, contribuír ao aforro enerxético e incentivar prácticas saudables e respectuosas co medio ambiente entre a comunidade universitaria, a Vicerreitoría do campus impulsa un novo sistema de préstamo de bicicletas con dúas modalidades, unha centrada no seu uso diario e outra a longo prazo. Inserida nas accións do programa Green Campus, esta iniciativa busca contribuír “a promover desprazamentos que non impliquen emisións de CO2”, como explica o director da Área de Infraestruturas do campus, José María Cancela. Con ese obxectivo, a normativa deste servizo comprende dúas modalidades, un préstamo a curto prazo, que permite aos e ás integrantes da comunidade universitaria solicitar unha bicicleta nos diferentes centros para o seu uso no mesmo día, e “outro cunha duración máis prolongada”, orientado principalmente, como explica Cancela, “a estudantes como os Erasmus, que non teñen aquí a súa bicicleta” e poderían pedila en préstamo por un período de varios meses.

Como apunta Cancela, para pór en marcha esta iniciativa procedeuse á reparación dunha serie de bicicletas que foran doadas anos atrás polo Concello e que xa foran empregadas previamente para o préstamo á comunidade universitaria. Coa idea de fomentar o seu uso, as 12 bicicletas habilitadas para este servizo atópanse distribuídas polos diferentes centros e dependencias do campus. De feito, como explica Cancela, as solicitudes para a modalidade a curto prazo poden realizarse, coa tarxeta universitaria, nas conserxerías das facultades e escolas, nas que deben devolverse logo as bicicletas no mesmo día. No referido ás solicitudes a longo prazo, estas deben realizarse na sede da Vicerreitoría e as e os solicitantes deben aboar unha fianza de 30 euros, que lle será reintegrada trala “devolución da bicicleta en condicións correctas”. 

Por outra banda, nesta normativa inclúese tamén o modelo de solicitude para o préstamo de dúas bicicletas eléctricas, emprazadas na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e na Vicerreitoría do campus. Neste caso, como explica Cancela, o seu préstamo limítase só ao uso diario por parte do persoal da Universidade, “co obxectivo de que poida usalas, por exemplo, para os seus desprazamentos entre o campus e o centro da cidade”.