DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo é a terceira universidade española que se adhire ao proxecto ‘Espacios sin humo” da AECC

O campus de Pontevedra declárase “espazo sen fume”

O obxectivo é que non se consuma tabaco en ningunha das súas zonas exteriores

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Institucional
DUVI Pontevedra 25/03/2022

A través dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Asociación Española Contra el Cáncer (AECC), o campus de Pontevedra declárase “espazo sen fume”. A sinatura deste acordo converte á institución académica viguesa na terceira universidade de España e a primeira galega en adherirse ao proxecto Espacios sin humo, co que esta asociación busca promover “unha vida libre de fumes” nos espazos abertos de uso público. O obxectivo desta iniciativa, que este venres presentaron o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto; a presidenta provincial da AECC, María del Carmen Abeledo, e a técnica da asociación Rebeca Castro é promover que non se consuma tabaco nin cigarros electrónicos en ningún dos espazos exteriores do campus pontevedrés.

Como “un paso importantísimo” para impulsar o campus como unha “contorna saudable” e un “espazo verde de primeira orde”, no marco do programa Green Campus, definiu Soto o convenio que este venres foi presentado en rolda de prensa na sede da Vicerreitoría, e no que a institución académica se compromete “a promover as medidas ao seu alcance para a prohibición de fumar nas súas instalacións exteriores”, segundo recolle o documento. Nese senso, Soto definiu este proxecto, do que a UVigo é a terceira universidade española en adherirse, tras a Carlos III de Madrid e a Universitat de les Illes Balears, como “un primeiro paso para considerar o campus como un espazo libre de fumes” e “como unha declaración absoluta de intencións, de que estamos por e para a saúde e o benestar”. 

Tras pór de relevo a colaboración que a Universidade mantén coa AECC en ámbitos como a investigación, Soto salientou que o propósito desta medida é contribuír á difusión dos efectos das enfermidades asociadas ao tabaquismos, “que están a matar a milleiros de persoas anualmente”. Nese mesmo senso, Abeledo lembrou que o cancro de pulmón é a primeira causa de morte en Galicia e que “entre o 80% e o 90% dos casos danse en fumadores ou en persoas que deixaron de fumar recentemente”. De aí que agradecese a implicación da Universidade cun proxecto “co que intentamos promover unha vida libre de fumes nocivos” e promover “hábitos de vida saudables”. 

O primeiro paso dun conxunto de accións

Técnica de prevención da AECC en Pontevedra, Rebeca Castro salientou que “a partir de hoxe traballaremos intensamente coa Vicerreitoría para converter o campus de Pontevedra nunha contorna máis saudable”. Nese senso, sinalou que este convenio constitúe o primeiro paso dun traballo que ten como obxectivo ir máis aló dos espazos nos que a lei prohibe fumar actualmente e promover que non se consuma tabaco no conxunto dos espazos exteriores do campus. “Actualmente o que está prohibido por lei é fumar nos accesos e nas aceiras, nas zonas máis próximas, e o que queremos é que todo o perímetro sexa libre de fume, de maneira que unha persoa que queira consumir tabaco teña que saír do campus”, explicou Castro.

Para iso, explicou, traballarán coa institución académica na definición dun “modelo de difusión de información”, dirixido a que toda a comunidade universitaria “coñeza que todo o campus está declarado como espazo sen fume”. Para iso, constituirán unha mesa de traballo, con “representantes de diferentes colectivos”, co obxectivo de “recoller información da situación de que partimos” co propósito de que “a estratexia de cambio sexa o máis doada e satisfactoria posible”. Neste punto, Castro lembrou que un estudo realizado polo Observatorio Contra o Cancro desta asociación amosaba a existencia dun “amplo aval” a esta tipo de iniciativas, xa que “incluso o 65% dos fumadores considera que estaría ben ou moi ben ampliar a prohibición de fumar a novos lugares”. 

Ademais de iniciativas de carácter informativo, buscarase tamén establecer outra serie de “medidas máis estables a longo prazo”, así como accións de seguimento, á vez que pór a disposición dos fumadores e fumadoras membros da comunidade universitaria recursos que les axuden a abandonar este hábito, como unha guía para deixar de fumar, a aplicación RespirAPP e a posibilidade de participar “en cursos presenciais que teñen o formato de terapia grupal”.

Beneficioso para fumadores e non fumadores

Como lembrou Castro nesta presentación, “un de cada tres casos de cancro en España son consecuencia do tabaco”, cuxo consumo está directamente relacionada “con ata 16 tipos de cancro”. Fumar, lembrou a técnica da AECC, causa en España 52.000 mortes anuais e, a pesares diso, “unha de cada tres persoas consume tabaco diariamente” e preto dun 20% dos mozos e mozas de entre 15 e 24 anos. “Por todo isto é moi necesaria a coordinación con entidades e organismos como esta Universidade para conseguir unhas futuras xeracións libres de tabaco”, subliñou Castro, que salientou que este proxecto “moito máis ambicioso do que poida parecer”, pode beneficiar tanto a fumadores e fumadoras como a persoas que non o son. Nese senso, lembrou que o campus sitúase a carón de centros educativos e espazos deportivos nos que hai menores e que para estes a exposición pasiva ao fume do tabaco aféctalles “incrementando o risco de crises asmáticas nun 20% e nun 30% as infeccións respiratorias”, ademais de que “multiplica por dous a posibilidade de ter cancro de pulmón nun futuro”.