DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Representantes da institución académica participan no Encontro Universidade-Empresa

O campus proxéctase diante do tecido empresarial

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 27/11/2020

O potencial das alianzas entre a Universidade e o tecido empresarial para promover o desenvolvemento económico e social é unha das cuestións que pon sobre a mesa o I Encontro-Universidade Empresa, un foro virtual promovido pola Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra (Aempe) co patrocinio do Consello Social da Universidade de Vigo. Na importancia destas “alianzas estratéxicas” incidiu o vicerreitor do campus, Jorge Soto, na apertura deste evento na tarde deste xoves, como tamén o fixeron de novo este venres o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto; o director da Área de Infraestruturas do campus, José María Cancela, e o coordinador do grupo de investigación Observatorio da Gobernanza G3, Enrique Varela.

“Unha parte importante do que é a vertebración do campus pasa pola relación coas empresas”, salientou Soto, que incidiu no positivo de iniciativas como esta para “fortalecer lazos e relacións entre Universidade e empresas desde múltiples ópticas”. O vicerreitor participou, xunto ao presidente de Aempe, José María Corujo, e o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, na apertura deste evento, que reúne no seu programa sete conferencias e unha mesa redonda. “Hoxe máis que nunca é imprescindible esta relación para lograr un desenvolvemento social e económico da nosa contorna”, engadiu Soto, que insistiu tamén na importancia que, no actual contexto, ten a transferencia de coñecemento ao tecido produtivo.

Que pode achegar á Universidade as empresas?

Este Encontro Universidade-Empresa acolleu este mediodía unha mesa de debate que, baixo o título Que lío nos agarda?, buscou analizar as perspectivas de futuro en ambos eidos, a través das intervencións de Carlos Souto, José María Cancela, Enrique Varela, Víctor Nogueira, presidente do grupo Nogar, e Catalina Fernández de Ana, directora xeral de Hifas da Terra. O coloquio permitiu incidir na importancia das relacións entre a institución académica e o tecido empresarial dentro do Campus Crea, na intervención de Souto, así como a capacidade da Universidade para “estar á vangarda en moitos temas que poden repercutir no desenvolvemento da actividade profesional”, como engadiu Cancela. O director da Área de Infraestruturas do campus e responsable do grupo de investigación HealthFit recoñeceu certo “descoñecemento” por parte das empresas “do que pode achegar á Universidade” en ámbitos como o dos recursos humanos, poñendo como exemplo algo que, sinalou, está “á orde do día” noutros países, o desenvolvemento dun “plan de intervención física e psicolóxica para os seus traballadores”.

“A relación entre a universidade e a empresa, así como co resto de actores sociais e cidadáns xa non é unha opción, senón unha necesidade que en tempos de pandemia debemos reforzar”, engadiu o investigador Enrique Varela, recentemente nomeado decano comisario da futura Facultade de Dirección e Xestión Pública. Na súa intervención Varela centrouse en “como desenvolver a gobernanza da rede universidade-empresa”, o que o levou a incidir na “urxencia de profesionalizar as relacións institucionais”, pondo de relevo a capacidade dos titulados e tituladas en Dirección e Xestión Pública neste eido e na creación de alianzas. 

Este encontro virtual contou tamén coa participación do catedrático do Departamento de Economía Aplicada e director do Foro Económico de Galicia e da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, Santiago Lago, que afondou nas perspectivas económicas a curto prazo para empresas familiares galegas.