DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus recibe a 25 novos alumnos de intercambio no segundo cuadrimestre

Máis da metade estudarán en Ciencias Sociais e da Comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI DUVI 28/02/2008

Unha experiencia enriquecedora para todos, para os estudantes estranxeiros, para os alumnos da Universidade de Vigo e para a propia institución. Con este obxectivo comezan a súa estancia no campus de Pontevedra os 25 novos estudantes de intercambio do segundo cuadrimestre. Para informalos da oferta de actividades complementarias e facilitarlles a adaptación e interacción cos seus compañeiros, este xoves a vicerreitoría do campus ofreceulles un acto de benvida. Xunto co vicerreitor pontevedrés, Jesús Hernández, recibiron aos novos estudantes do campus o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area; a técnica da ORI, Eva Garea; a directora a área de Extensión Universitaria e Estudantes do campus de Pontevedra, Ana Belén Fernández Souto e o director do Centro de Linguas, Jorge Figueroa.
Ciencias Sociais e da Comunicación e Belas Artes son as dúas titulacións máis demandadas no campus por parte dos estudantes estranxeiros, que ao longo deste curso sumaron case 70. Segundo explica Eva Garea, o crecemento das cifras de mobilidade é espectacular, “pasando dos 9 estudantes estranxeiros no campus durante o curso 1998-1999 aos 67 deste 2007-2008”. Por outra banda tamén salientou que ademais dos bolseiros Erasmus, os convenios bilaterais están abrindo o campus a países como México, fora dos programas europeos. No que se refire ás nacionalidades, os países de procedencia son moi variados, aínda que neste ano destaca a presenza de estudantes gregos e finlandeses, “algo pouco habitual na Universidade”
Destes 67 estranxeiros en Pontevedra, 24 estiveron de intercambio no primeiro cuadrimestre, 25 son os recén chegados e 18 teñen unha estadía de todo o ano académico. O alto número de estudantes que quedan no campus durante todo o curso é unha circunstancia que reflicte “o a gusto que se atopan aquí e o ben que adaptan”, explica Juan Manuel Corbacho, coordinador do programas de mobilidade internacional na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Segundo Corbacho son moitos os estudantes que “veñen por un cuadrimestre e acaban solicitando unha prórroga para facer en Pontevedra o curso completo, aínda que mención especial require unha estudante eslovena de intercambio que xa comezou os trámites para facer todo o que lle resta da titulación no campus”.
Fronte a outros centros máis grandes ou pertencentes a universidades máis coñecidas, “nos aportamos un maior grao de achegamento e un trato máis persoal que lles facilita a estancia e os trámites como buscar piso” explica Corbacho. Segundo subliña, os estudantes estranxeiros “en Ciencias Sociais e da Comunicación se amosan moi satisfeitos coa elevada carga de docencia práctica e coas instalacións coas que conta o centro e iso é moi importante porque ao final eles son os noso relacións públicas nas súas universidades de orixe ao tempo que tamén nos enriquecen a nós e lle dan outra imaxe ao campus”.

Unha oferta complementaria á vida académica

O acto de benvida, celebrado na Casa das Campás, serviu tamén para darlles a coñecer a oferta de actividades coa que conta o campus e a Universidades. Así, os estudantes puideron informarse sobre a programación cultural, as infraestruturas e competicións deportivas, os cursos de galego da Área de Normalización Lingüística, ou os de español para estranxeiros do Centro de Linguas. Xunto con isto, dende a Oficina de Relacións Internacionais ofréceselle a posibilidade de apuntarse de balde a excursións á Coruña, Porto, Cangas, Portonovo e a Lanzada.