DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres celebrouse o acto de benvida ao alumnado estranxeiro

O campus recibe a estudantes de intercambio de once países

Italia encabeza a listaxe de procedencias

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Internacional
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI Ourense 14/09/2018

41 estudantes procedentes de once países. Estas son as cifras provisionais, xa que a matrícula para o segundo cuadrimestre non está pechada, de alumnado de intercambio que este curso académico realizará parte dos seus estudos nalgún dos centros do campus de Ourense. Aos 39 estudantes que xa están no campus de Ourense para cursar nel o primeiro cuadrimestre ou todo o curso académico, a Universidade de Vigo deulle este venres a benvida.

No acto de recibimento o alumnado tivo a oportunidade de coñecer de man de responsables dos diferentes servizos, como Centro de Linguas, Cultura, Gabinete Psicopedagóxico, Área de Benestar, Saúde e Deporte e Biblioteca, a oferta académica e extraacadémica que teñen á súa disposición. Ademais, Laura Movilla, directora da Área de Internacionalización da Universidade de Vigo, ofreceulles unha panorámica da institución académica da que formarán parte os vindeiros meses amosando a súa confianza en que sexa unha estadía frutífera para todos eles e elas.

Orixes, destinos e impresións

O mosaico de nacionalidades deste alumnado é diverso. Italia encabeza as cifras sendo o país de orixe de nove estudantes. Séguelle Francia, con oito; Alemaña con sete; Turquía con seis e México con cinco. Completan este mapa Estados Unidos, Arxentina, Chile, Portugal, Bélxica e Brasil, países que achegan cada un deles un ou unha estudante. Por centros de destino, o máis internacionalizado do campus de Ourense é a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, que recibe 15 estudantes de intercambio. A continuación sitúanse a Facultade de Ciencias, con 13; Ciencias da Educación, con sete; Historia, con catro, e Dereito, con dous.

Entre as e os estudantes estranxeiros que este venres se achegaron ao Edificio de Ferro para asistir ao acto de benvida estaba a italiana Marina Scola que, con 23 anos, se despraza desde Padua para continuar estudos na Facultade de Dereito. “Un amigo que estivo o ano pasado no campus de Vigo aconselloume vir e decidín seguir o seu consello”, sinala. Con apenas uns días na cidade destaca as súas primeiras boas impresións tanto da institución académica como do ambiente nela, subliñando entre outras cousas “as instalacións moi modernas que ten”. Esas mesmas boas impresións son compartidas por Marie Ogor, Elena Roudaut e Mathis Arnaud, procedentes de Francia e estudantes este cuadrimestre nos dous primeiros casos do Grao de Turismo e no terceiro de Ciencias Ambientais. Como alumas de Turismo, elas salientan a oportunidade que lles ofrece a súa estadía en Ourense de coñecer non só esta cidade senón principalmente Galicia e moi especialmente a súa cultura.

Tampouco faltou este venres no acto de benvida o alumnado que procede doutros continentes. É o caso das mexicanas Carolina Fermán e Paulina Sanay, que están xa incorporadas á Facultade de Ciencias despois de que profesorado da súa universidade de orixe lle recomendase esta facultade para os seus estudos no estranxeiro. Sorprendidas pola arquitectura dos edificios do campus e co desexo de aproveitar a experiencia que agora se lles abre, as dúas salientan como se senten “moi cómodas” no campus a pesar de ser os seus primeiros días nel.