DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Gañador dunha Starting Grant, desenvolverá un proxecto centrado na economía sostible

O campus recibe a Mario Pansera coa vontade de xerar sinerxías

Nos próximos meses porá en marcha o grupo de investigación Post-growth Innovation Lab

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 26/02/2021

Gañador dunha axuda Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC), o investigador Mario Pansera desenvolverá ao longo dos próximos cinco anos o proxecto de investigación Prospera (Prospering without growth: Science, Technology and Innovation) no campus pontevedrés, onde terá a súa sede o Post-growth Innovation Lab, o grupo que creará no marco deste proxecto, financiado con 1,5 millóns de europeos polo ERC. Co propósito de afondar en posibles liñas de colaboración cos diferentes grupos do campus, Pansera mantivo este venres unha xuntanza do vicerreitor Jorge Soto. Nesta, o investigador italiano sinalou que “a vocación de campus verde, que quere apostar por un modelo alternativo”, sumada ás “conexións” entre o proxecto “e o que se está facendo en Pontevedra” facían desta cidade a “contorna ideal” para levar a cabo unha investigación que ten como obxectivo desenvolver un marco conceptual alternativo á formulación actual da economía circular.

“Para este campus e para Universidade de Vigo é unha noticia moi importante”, recoñecía Soto do feito que Pansera escollese Pontevedra como sede dun proxecto que contribúe “a fortalecer o potencial investigador do campus”. Nese senso, o vicerreitor afondou nesta xuntanza nas diferentes liñas de traballo, centradas na innovación e a sustentabilidade, que se aglutinan no proxecto de especialización Campus Crea. A idea, sinalou, era "que coñecese de primeira man as posibilidades que existen de traballar conxuntamente con outros grupos do campus”, co propósito de que “poidan xurdir alianzas para levar a cabo proxectos comúns”. 

Colaboración coas institucións e a sociedade civil

Pansera, que este venres mantivo tamén un encontro co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, destacou a “conexión” do seu proxecto “co espírito de transición ecolóxica do Concello”, e sinalou o seu obxectivo de explorar posibles colaboracións tanto con iniciativas institucionais como da sociedade civil. Nese senso, o alcalde manifestou trala xuntanza que o proxecto Prospera “encaixa perfectamente coa cidade de Pontevedra porque pensamos que na investigación, no medio ambiente e no crecemento sostible está o futuro”, motivo polo que salientou que “acollemos esta iniciativa con interese e coa máxima colaboración”. 

Cinco anos de traballo por diante

O proxecto, no que están implicadas tamén diferentes universidades europeas e africanas, tratará de responder, entre outras cuestións, ás preguntas de como poderían funcionar as organizacións, tanto públicas privadas, nun sistema que non se basee nun crecemento sen fin, que niveis de complexidade tecnolóxica se poderían alcanzar nunha economía que non estea obsesionada en incrementar indicadores monetarios como o Produto Interior Bruto, ou que políticas, infraestruturas e formas organizativas se precisan para este novo paradigma de innovación. Con ese obxectivo, Pansera porá en marcha un grupo de investigación, para o que, explica, “xa están publicadas as convocatorias” de cara a incorporación de catro investigadores predoutorais, dous posdoutorais e un xestor, de tal xeito que a súa previsión é que “entre finais de marzo e xuño” poidan ir incorporándose os seleccionados e seleccionadas, investigadores cun perfil moi internacional e altamente especializado.

Como explicou o vicerreitor, Pansera contará inicialmente cun espazo na Escola de Enxeñaría Forestal, pero “estamos traballando coa idea de que cando o grupo estea formado poida ter xa un espazo propio”. Nese senso, o investigador salientou a importancia de que, máis aló das limitacións ás que obriga a covid-19, “o grupo teña un lugar físico dentro da Universidade”, o que ademais de favorecer o traballo conxunto dos seus integrantes, permitirá “que haxa relación cos académicos da UVigo”. Nese senso, apuntou tamén a súa vontade de que á investigación seleccionada na convocatoria do Consello Europeo poidan sumarse proximamente outros proxectos. 

“Todo isto o que fará é fortalecer a proxección internacional do campus desde o punto de vista da investigación”, salientou Soto, que destacou o “traballo realizado polo reitor e a vicerreitora de Investigación” para facer posible a incorporación á Universidade de Vigo deste investigador italiano, á que se sumará nas vindeiras semanas a da tamén gañadora dunha Starting Grant Sara Varela. Enxeñeiro de telecomunicación (Universidade de Nápoles – Federico II), máster en Economía e Xestión da Innovación (Universidade Politécnica de Madrid) e doutor en Administración pola Universidade de Exeter, Pansera está especializado na transición ecolóxica e sostible e na crítica ao concepto tradicional de crecemento e desenvolvemento económico. Conta ás súas costas cunha longa traxectoria investigadora, entre outras, nas universidades de Bristol e na Autónoma de Barcelona, institucións coas que seguirá a manter unha estreita liña de colaboración.