DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Para coñecer o traballo do Campus do Mar e o Centro de Investigación Mariña

O campus recibe a visita de expertos que participan no congreso da Unesco sobre planificación marítima

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Visitas
  • Investigación
M. Del Río DUVI 14/05/2019

Máis de 100 persoas, entre representantes das administracións públicas internacionais de planificación do espazo mariño, do ámbito académico e do sector marítimo, participan dende o domingo e ata mañá no International Forum for Maritime Spatial Planning (MSPforum), un congreso organizado en Vigo pola Comisión Oceanográfica Intergubernamental da Unesco (IOC-Unesco). O obxectivo deste evento é intercambiar ideas e boas prácticas para conservar o océano e utilizar os seus recursos de forma sostible. Trátase de crear un espazo para o diálogo e a comprensión mutua sobre a planificación espacial mariña e baséase na compartición de experiencias entre os participantes de todo o mundo. Nesta terceira edición do foro internacional os 100 profesionais participantes están tamén achegándose á contorna para coñecer experiencias neste eido de primeira man, con visitas a institucións, empresas pesqueiras, estaleiros, o porto e mesmo empresas de restauración e turismo. 

Así os comités de expertos dos comités University e Biotechnology amosaron o seu interese por coñecer o traballo que realiza a Universidade de Vigo, en concreto o Campus do Mar, no campo da planificación mariña e quixeron achegarse tanto ao campus como á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, xa que identificaron varios proxectos que se están levando a cabo na institución académica e resultan de interese para o MSP.

Na procura de novas estratexias para a planificación do espazo mariño

A edición viguesa do International Forum for Maritime Spatial Planning é a terceira que se celebra na procura de novos debates, ideas e experiencias que axuden a desenvolver as novas directrices internacionais en planificación do espazo marítimo, un proceso público de análise e asignación da distribución espacial e temporal das actividades humanas nas zonas mariñas para lograr obxectivos ecolóxicos, económicos e sociais que se especificaron a través dun proceso político.

No marco da xornada de hoxe, os representantes do grupo de traballo University, procedentes de países como Portugal, Suecia, Trinidade e Tobago, Ghana e Ecuador visitaron o campus, onde foron recibidos polo director do Campus do Mar, Daniel Rey. Ao longo da mañá mantiveron tamén xuntanzas con Elena Ojea, do Future Oceans Lab, Raquel Fernández, do grupo Erenea e Pol Fontanet, do proxecto MarRisk. Posteriormente desprazáronse a Citexvi para coñecer o traballo de Gradiant, Imatia e Nanoimmunotech como exemplos do modelo de transferencia universidade-empresa.

Mentres, os membros do comité de Biotechnology de Bulgaria, Vietnam, España, Alxeria, Reunión e Italia desprazáronse á Ecimat, onde fixeron unha visita guiada da man do seu director José Manuel García e a investigadora Alba Hernández e reuníronse con científicos do Centro de Investigación Mariña que lles presentaron algúns dos proxecto en marcha, como Peiraos do solpor e con grupos de investigación como Ecocost ou o European Blue Biobank.