DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizada pola Área de Extensión Cultural e Estudantes

O campus recibirá o novo curso cunha festa para todos os alumnos

Con concertos e actividades lúdico-deportivas en todos os centros

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 23/09/2008

Baixo o nome de Festa de Campus, a Área de Extensión Cultural e Estudantes está a organizar unha xornada festiva para dar a benvida a todos os alumnos deste novo curso académico 2008-2009 que acaba de comezar. Trátase dunha iniciativa coa que a institución pretende “achegarse un pouco máis ao estudantado e realizar algo exclusivamente para eles, sen ningún tipo de acto oficial”, subliñou a súa responsable, Ana Belén Fernández Souto. A cita será o vindeiro 16 de outubro nas instalacións de A Xunqueira, “cando o ritmo escolar xa estea normalizado e todos os estudantes se atopen no campus, incluídos os Erasmus”, engadiu.
A festa comezará ás 13.00 horas con teatro, mimo e pantomimas no comedor da Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal e da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. A tarde continuará en ton de humor cunha sesión de monólogos na aula magna da Escola Universitaria de Fisioterapia e con actividades lúdico-deportivas en Ciencias da Educación e do Deporte. Os estudantes porán a proba a súa forma física xogando ao floorball, un xogo similar ao hockey, ao mazaball, que consiste en introducir a pelota na portería cunhas mazas acolchadas, e ao frisbee ou disco volador, que se introducirá por un aro situado a uns 2,5 metros de altura. Para rematar a sesión deportiva organizarase un partido de fútbol científico no Pavillón Universitario co que os rapaces amosarán a súas habilidades para meter goles coa cabeza.
Ás 19.30 horas e para descansar un pouco de tanto exercicio, proxectarase o filme O concursante no salón de actos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Os asistentes divertiranse con esta comedia na que se narra a historia dun novo profesor de Historia que gaña un premio de lotería.
O broche de ouro da Festa do Campus virá da man do grupo de pop-rock Catpeople, que dará un concerto no parking de Ciencias Sociais e da Comunicación previa actuación de Reservoir Rag Dolls.

A colaboración dos alumnos

Para levar a cabo todos os preparativos, a Vicerreitoría solicitará a axuda de alumnos que xa teñen experiencia organizando as tradicionais festas de Santa Catabirra, debido a que “queremos un evento para eles, co que o pasen realmente ben, por iso creemos que é fundamental contar co seu apoio e, sobre todo, coa súa colaboración”, explicou Fernández Souto. Á hora de escoller os grupos musicais, fíxose un proceso de selección entre os estudantes e eles mesmos serán os encargados de xestionar as barras de bebidas e comida.

Unha cita anual

A festa que terá lugar o vindeiro mes de outubro será a primeira do que se espera que sexa unha cita anual para recibir a todos os alumnos, “para que se coñezan mellor entre eles, incluso entre diferentes escolas e facultades”, explicou a responsable da iniciativa, ao que engadiu que “normalmente no campus de Pontevedra teñen que esperar ata a primavera para que comece a época de celebracións, pero a partir de agora empezarase o curso da mellor forma posible, cunha festa por todo o alto”.