DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co impulso dunha aula ao abeiro do convenio coa Concellaría de Promoción Económica

O campus recupera o teatro

A obra resultante estrearase nas xornadas Miteu de Pontevedra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Pontevedra 28/09/2021

“Trátase de recuperar unha actividade que hai anos xa tiña lugar no campus e que tanto o alumnado universitario como todas as persoas interesadas teñan a posibilidade de participar nun proceso de creación teatral”. Con ese obxectivo nace, como explica a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo, a Aula de Teatro que impulsan no campus a Vicerreitoría e a Concellaría de Promoción Económica e Universidade. Aberta tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía, as e os participantes nesta actividade irán abordando ao longo do curso as diferentes fases do proceso de preparación dunha montaxe teatral, co obxectivo final de levala ao escenario o vindeiro ano, no marco das xornadas Miteu de Pontevedra.

Con inscrición gratuíta, esta Aula de Teatro cubriu xa nestes días as súas 20 prazas e insírese no programa de actividades impulsado ao abeiro do convenio asinado entre a Universidade e o Concello de Pontevedra para o desenvolvemento de actividades nos ámbitos da cultura, educación, deporte, medio ambiente e novas tecnoloxías. Co actor e director e responsable de Teatro de Ningures, Salvador del Río, como docente, esta actividade desenvolverase ente os meses de novembro e maio na Facultade de Belas Artes e comprenderá as diferentes fases de creación dunha obra.

Nese senso, o programa desta actividade formativa abrangue desde os exercicios preparatorios e a lectura e comprensión do texto ata a encarnación dos personaxes e a montaxe final. O seu obxectivo, sinalan os seus responsables, é dotar os participantes dun abano de ferramentas que lles permitan “descubrir cal é a adecuada forma de desenvolver o seu labor” como actores e actrices ou noutras funcións, a través de exercicios prácticos “que pretenden fomentar a capacidade de concentración, memoria, oratoria e expresión, creatividade, imaxinación, sentido do ritmo e musicalidade”. Con esa idea, engade Agrelo, a aula dividirá a súa actividade en dous bloques, “un primeiro de iniciación e un segundo máis centrado na presentación dunha peza teatral”.

Xornadas Miteu e vontade de permanencia

A obra resultante desta aula estrearase nas xornadas Miteu de Pontevedra, que se prevén levar a cabo en abril ou maio do vindeiro ano coa participación doutras compañías de teatro universitario, nacionais e internacionais. Con esta actividade, sinala Agrelo, búscase contribuír a que “Pontevedra estea tamén nese mapa do teatro universitario”, sumándose ás mostras que xa promoven os campus de Vigo e Ourense, á vez que fomentar que as e os participantes na aula “teñan a posibilidade de visitar outras cidades e participar noutros eventos desta índole”.

Nese senso, Agrelo recalca que se trata dunha Aula de Teatro que nace con vontade de permanencia. “A nosa intención é que sexa unha aula estable e que teña continuidade no tempo”, recalca, xa que isto permitiría “establecer sinerxías con outros ámbitos”. Nese senso, sinala, por exemplo, a posibilidade de que “alumnado de Belas Artes teña un papel activo na configuración dos escenarios e o vestiario” ou que estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación “poidan participar tamén, desde na configuración dos aspectos relacionados coa publicidade ata outros elementos audiovisuais das posprodución teatral”.