DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias da Educación e do Deporte conmemora o Día da Lingua Materna cun “mural colaborativo”

O campus reivindica a diversidade lingüística e o legado de Rosalía

A Vicerreitoría súmase esta tarde aos actos de homenaxe á poeta 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Académica
DUVI Pontevedra 21/02/2022

Verbas como afouteza, xoaniña, agarimo, luscofusco ou agasallo pódense ler este luns nos paneis instalados na entrada da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, con motivo da conmemoración do Día Internacional da Lingua Materna. Co propósito de pór de relevo a “riqueza” que supón a diversidade lingüística e alertar de como esta “está a diminuír drasticamente en todo o mundo”, a Comisión PEA-Unesco desta facultade promove un “mural colaborativo” no que convidan á comunidade universitaria a recoller nun postit verbas, expresións, refráns ou pequenos relatos e poesías no seu idioma materno ou de herdanza familiar. Esta iniciativa esténdese ao longo dunha xornada na que, ademais, a Vicerreitoría do campus súmase aos actos conmemorativos do Día de Rosalía de Castro cun evento que reúne esta tarde as reflexións sobre a poeta do profesor e presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, coa música tradicional e a lectura do manifesto promovido pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (Aelg).

Cada dúas semanas, “unha lingua desaparece”

Como membro da Rede de Escolas Unesco, a Facultade Ciencias da Educación e do Deporte sumouse á celebración do Día Internacional da Lingua Materna cunha actividade promovida polos profesores Carlos Valcárcel e Ana Acuña que busca tanto “celebrar a riqueza e diversidade das linguas”, como pór de relevo como “cada dúas semanas, unha lingua desaparece e, con ela, todo un patrimonio cultural e intelectual pérdese para sempre”. Trátase, como explica Acuña, dunha efeméride que a comisión xa celebrara antes da pandemia e que recuperou neste 2022 a través dunha actividade “humilde, pero moi participativa”. A proposta céntrase en que ao longo de toda a xornada vaian sumándose ao "mural colaborativo" os postits con palabras ou expresións que as e os participantes asocien “á transmisión no ámbito familiar”, como explica Valcárcel. 

Esta iniciativa vinculouse á súa vez coas actividades levadas a cabo no marco de varias materias das diferentes titulacións do centro, o que, por exemplo, levou a Acuña a pór o foco “na falta de transmisión interxeracional do galego” e a promover co alumnado unha reflexión sobre como o idioma “está presente no seu ámbito familiar, aínda que eles non o falen”. Con ese mesmo propósito, a profesora Elvira Ribeiro achegou ao seu alumnado datos sobre o uso e os índices de lectura en galego, á vez que abordou a súa situación no ensino, coa idea “de poñerlles na tesitura de que eles como futuros ensinantes teñen a responsabilidade de cambiar esas cifras”. Seguindo esa mesma idea, convídase aos e ás participantes a realizar unha enquisa, a través dun código QR, coa que os organizadores buscan coñecer que lles suscitou desde o punto de vista emocional unha actividade “na que intentas mobilizar a túa lingua materna ou de herdanza, que está normalmente ligada ao afectivo”, como sinala Valcárcel. 

Rosalía, unha “figura contemporánea” nacida hai 185 anos

Este luns foi tamén a xornada escollida pola Vicerreitoría para sumarse á celebración do Día de Rosalía de Castro, efeméride que conmemora o nacemento da poeta e que neste 2022 pasa a celebrarse o 23 de febreiro en lugar do 24, despois dos achados realizados pola investigadora Sagrario Abelleira sobre a data real de nacemento da escritora. Este cambio de data é de feito unha das cuestións que o presidente da Fundación Rosalía de Castro e profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución, Anxo Angueira, aborda na súa conferencia nun acto que leva por título Sementando pensamentos. “Explicar por que celebramos desta maneira a Rosalía de Castro, por que se implica toda a sociedade” e por que esta conmemoración “ten unha vixencia tan extraordinaria” constituía, como sinala, outro dos obxectivos da súa intervención. Nese senso, Angueira pon en valor “a diversidade de propostas” que nestes días se articulan en torno á figura da poeta, así como a “vixencia tan extraordinaria” do seu legado literario. “A súa obra soportou moi ben o paso do tempo, como acontece cos grandes escritores da literatura universal”, sinala Angueira, que lembra que pese a que neste 2022 se celebre o 185 aniversario do seu nacemento, esta conmemoración amosa a Rosalía “como unha figura contemporánea”, xa que a súa obra “fala da inxustiza, do maltrato, de cuestións sociais, da dignidade para Galicia e para a súa lingua e cultura, de cuestións do noso tempo, que están vixentes”.  

Introducido polo vicerreitor do campus, Jorge Soto, este acto complétase coa actuación do grupo de zanfonas da Aula Permanente de Música Tradicional do campus, que interpreta o Valse de Ribadavia e o Pasacorredoiras de Monel. O seu responsable, Suso Vaamonde, encárgase así mesmo de interpretar á zanfona a Alborada de Rosalía, que serve como pano de fondo á lectura do manifesto da Aelg, elaborado neste 2022 por Beatriz Maceda Abeleira e que leva por título Pensar [te] libre. A súa lectura corre a cargo de Natalia García, alumna da Aula de Teatro impulsada no presente curso no campus no marco dun convenio coa Concellería de Promoción Económica e Universidades.

Repensando as posibilidades educativas do Museo de Pontevedra
 

Alén da conmemoración deste luns, Ciencias da Educación e do Deporte tamén acolleu un encontro do alumnado do Máster en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria e as responsables da Unidade de Educación e da Área de Públicos do Museo de Pontevedra, Sabela Santos e Paula Tilve. O obxectivo desta actividade, promovida pola profesora Begoña Paz e que tivo lugar na tarde do venres, era presentarlles as propostas de melloras e iniciativas didácticas que as estudantes da materia Investigación e innovación en artes desenvolveron tras unha visita ao Museo e un encontro coas responsables da súa parte educativa. O obxectivo desta iniciativa, explica Paz, era enfrontar ao alumnado, no marco da súa formación respecto das posibilidades didácticas das institucións culturais, “a un caso real da súa contorna”, aproveitando que previamente puideron coñecer as “propostas didácticas que van desenvolver nos próximos meses e os materiais que están elaborando”, na súa visita ao Museo.