DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con temáticas como comedores escolares ecolóxicos, ‘Design Thinking’

O campus renova os seus cursos de verán e ofrece case 300 prazas

En total ofrécense sete cursos que se levarán a cabo de xuño a setembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
D. Besadío DUVI 03/05/2019

Comedores escolares ecolóxicos, ‘design thinking’ e ciberseguridade. Estas son as tres temáticas coas que o campus de Vigo renova a súa oferta de cursos de Extensión para este verán, tres propostas innovadoras que se suman a outras catro opcións que, ano a ano, forman parte desta programación de actividades formativas estivais: urxencias cardiovasculares, patrimonio natural e cultural do Bierzo, termalismo e xestión de explotación acuícolas.

Con matrícula aberta ata o vindeiro día 31 de maio, os prezos oscilan entre os 20 e os 60 euros, podendo gozar os membros da comunidade universitaria dun desconto dun 35%. En total son case 300 prazas e as actividades levaranse a cabo entre os meses de xuño e setembro, tanto en diferentes espazos do campus como noutros escenarios menos habituais para a comunidade universitaria como Vilafranca do Bierzo ou os balnearios de Mondariz ou Laias.

Comedores escolares ecolóxicos

Con 80 prazas dispoñibles e dirixido polo profesor Xavier Simón, responsable do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía (Gieea), o curso Comedores escolares ecolóxicos: avanzando cara unha economía circular nas reservas da bioesfera busca visibilizar o impacto da compra de alimentos de proximidade nas economías locais; coñecer as claves dos eco-comedores escolares; o balanceado de menús; o manexo de alimentos e seguridade alimentaria... En xeral será, segundo os seus organizadores, unha boa oportunidade para falar do futuro da alimentación nos colexios en Galicia e da súa  conexión co medio rural galego. A cita será do 1 ao 5 de xullo no salón de plenos do Concello de Allariz.

 ‘Design Thinking’ e ciberseguridade

Vinculados ambos á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, as outras dúas novidades son os cursos Introdución a ‘Design Thinking’, dirixido polo profesor Manuel José Fernández Iglesias, e Protección de datos e ciberseguridade, por Ana Fernández Vilas. O primeiro terá lugar do 17 ao 24 de xuño e vai dirixido a comprender os fundamentos desta nova metodoloxía de resolución de problemas -tratarase de experimentar na práctica as etapas de empatía, definición, ideación, prototipado e probas nun proxecto real-. No segundo caso, o obxectivo é que os/as participantes poidan chegar a comprender os fundamentos da ciberseguridade e certas técnicas básicas de protección e privacidade da información. Neste caso o curso desenvolverase do 2 ao 6 de setembro.

Viaxando dos balnearios galegos a Vilafranca do Bierzo

Como cada ano, os cursos de verán teñen tamén unha cita en Vilafranca do Bierzo, un curso ao que o ano pasado asistiron preto de 60 persoas e que vai dirixido a coñecer o patrimonio natural e cultural do Bierzo e o seu importante papel na Reserva da Bioesfera de Ancares. Dirixido pola profesora Josefina Garrido, esta cita levarase a cabo do 5 ao 7 de xullo, mentres que a proposta Termalismo: espazos termais, o outro gran clásico da programación estival, non se levará a cabo ata finais de mes –do 22 ao 26 e con sesións na Facultade de Ciencias do Mar, na Ecimat e nos balnearios de Carballiño, Laias, Mondariz, Augas Santas...- dirixido, como é habitual, polo profesor José Luis Legido.

Xunto a estas propostas mantéñense tamén na programación de cursos estivais, o de Enfrontarse ás urxencias cardiovasculares, dirixido pola profesora Marisol Bravo e que se levará a cabo do 2 ao 11 de xullo no Hospital Universitario Álvaro Cunqueiro de Vigo; e Xestión de explotacións acuículas, coordinador por Carlos Ferro, no que os asistentes terán a oportunidade de coñecer o proceso de cultivo de diversas especies e as ameazas e oportunidades que a contorna depara para a actividade acuícola. Será do 17 ao 21 de xuño na Estación das Ciencias Mariñas, Ecimat.