DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi un dos temas abordados na reunión do Consello de Campus celebrada este xoves

O campus, ante o reto da reordenación de espazos que suporán os novos edificios e novas titulacións

Tamén se falou da aposta polas enerxías renovables con instalacións fotovoltaicas e de xeotermia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 14/10/2021

Este xoves celebrouse unha sesión ordinaria do Consello de Campus de Ourense no que o gran protagonista foi o futuro do campus desde dúas perspectivas: por unha banda, a reordenación de espazos coa vista posta na construción de dous novos edificios e a implantación das novas titulacións de Intelixencia Artificial e Relacións Internacionais, e por outra banda a sostibilidade no consumo enerxético.

Aeroespacial, Intelixencia Artificial e Relacións Internacionais

A reunión, a primeira deste curso académico, contou cos informes de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; José Luís Míguez, vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, e Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense. Segundo explicou o responsable da institución académica “estamos rematando a negociación do novo plan de financiamento das tres universidades galegas e en principio imos ter un fondo adicional, que non vai estar dentro do propio plan, pero que nos vai a permitir acometer, ao longo da súa vixencia, durante os seguintes anos, unha serie de edificios”. O campus de Ourense, indicou, acollería “dous dos tres edificios que contamos facer” na Universidade de Vigo. Ante estas novas infraestruturas, o reitor recalcou que “a prioridade absoluta” é dotar á Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo dun edificio propio. Lembrando como na actualidade a súa docencia está espallada en diferentes centros do campus, Manuel Reigosa subliñou que “unha escola desta importancia ten que ter un edificio”. O reitor adiantou que xa se está comezando a traballar nas necesidades de espazos que ten a escola e que “contamos con que o proxecto saia o ano que vén e se empece a construír no prazo dun ano ou ano e medio”. Este novo edificio, dixo, “ocuparía a derradeira parcela que hai no campus norte”.

Igualmente, reitor da UVigo considera “unha prioridade nesta planificación a medio e longo prazo” dotar dun espazo á Escola Superior de Enxeñaría Informática, concretamente para as novas titulacións que se van implantar de Intelixencia Artificial. “Imos ter un novo grao e un novo mestrado que comezarán, se todo sae ben, no curso 22/23 e, polo tanto, tamén hai que planificar esa ampliación”, sinalou Manuel Reigosa. A construción deste edificio, dixo, “pode levar algo máis de tempo que o de Aeroespacial, porque obviamente todos os fondos non se van a liberar o primeiro ano de vixencia do plan, senón que se irán escalonando". En todo caso, afirmou Reigosa, “eu agardo que dentro da vixencia do plan de financiamento poidamos acometer os dous edificios”. Ao respecto deste novo edificio, tamén comentou o reitor da UVigo que “aínda temos que atopar un espazo para ubicalo, porque o campus xa está bastante completo”.

A medida que se vaian planificando e executando estas novas construcións, o reitor explicou que se traballará na reordenación “con presteza” dos espazos que xa existen no campus para que haxa unha utilización axeitada deles, especialmente dos que queden libres tras a posta en marcha do edificio de Aeroespacial. Así, indicou que teñen previsto facer unha planificación a medio prazo “para que tamén poidamos, por exemplo, colocar a nova Facultade de Relacións Internacionais, que esperamos que tamén empece a funcionar no curso 22/23”, dixo o reitor. Sobre ese novo centro, Manuel Reigosa salientou que será “unha facultade máis pequena pero unha facultade que vai a atraer, espero, moito talento e ademais vai a poder formar dobres graos con varias titulacións do campus”. Tamén sobre esta reformulación de espazos, o reitor indicou que “no novo edificio de Aeroespacial agardamos que haxa tamén un aulario que nos permita empezar a traballar con estas novas titulacións”.

Mestrado de Aeronáutica

A preguntas das xornalistas, o reitor tamén se referiu ao estado de tramitación do mestrado profesionalizante interuniveresitario en Enxeñaría Aeronáutica coa Universidade da Coruña. Na actualidade, indicou Manuel Reigosa, “están as dúas escolas traballando, non ao ritmo que nos gustaría, pero estamos aínda en prazos para que o ano que vén, se é posible, teñamos un acordo”. O reitor amosouse “razoablemente optimista con que o ano que vén poidamos liberar ese atranco, un atranco que xa é como unha espiniña cravada e que hai que sacalo adiante como sexa”. O responsable académico comentou que “temos que cumprir co que se nos pide desde a Xunta de Galicia, que é que o mestrado sexa interuniversitario e estamos traballando para sacalo adiante”. Segundo lembrou, o acordo acadado polas reitorías das universidades de Vigo e A Coruña, que Reigosa indicou que “probablemente sexa bo que o teñamos por escrito e que, de algún xeito, iso obrigue ás dúas escolas”, contemplaba que “os alumnos, en todo caso, serían alumnos da Universidade de Vigo unicamente durante o primeiro ano e o segundo ano aqueles que optaran por irse a estudar á Coruña terían que facer traslado de expediente e as clases todas elas se impartirían en Ourense”. Igualmente lembrou que o que estaba acordado era que o alumnado fixera algunhas prácticas na Universidade da Coruña “e iso seguimos pensando que non é malo”. “Ese é o marco que acordamos entre as dúas reitorías, que eu creo que é unha cousa boa”, afirmou Reigosa.

Cambio de paradigma enerxético

Outros dos temas abordados neste Consello de Campus de Ourense foi o da sostibilidade, concretamente a enerxética. O vicerreitor de Planificación e Sostibilidade fixo un repaso polas infraestruturas fotovoltaicas e de xeotermia operativas do campus despois de diferentes obras. Así, no seu percorrido explicou como a instalación fotovoltaica do edificio Politécnico, de 100 quilovatios, “está funcionando moi ben” e como desde, datas recentes, no campus de Ourense “xa contamos coa instalación de xeotermia, de 500 quilovatios, que é híbrida, das máis novidosas que hai nestes momentos”. Neste senso José Luís Míguez indicou que esta última combina aerotermia e xeotermia, aproveitando tanto a calor do aire como da terra, e “é unha instalación verdadeiramente representativa e única. Moi poucos sitios teñen unha cousa tan ben montada”. De cara ao futuro, apuntou que se está traballando para implantar unha infraestrutura fotovoltaica de 100 quilovatios para o Edificio de Ferro e outra de 40 quilovatios para o Xurídico-Empresarial. “A idea global é traballar a prol do autoabastecemento, cambiar o paradigma cara as enerxías renovables, que teñamos un consumo interno de autoabastecemento baseado en enerxías renovables”, indicou José Luis Míguez. Sobre esta aposta no campus de Ourense pola sostibiblidade no consumo enerxético, o reitor tamén indicou que “agardamos moito dela" pois, dixo, "creo que temos que dar exemplo como universidades para que a xente se sume, utilizar máis as enerxías renovables e menos as fósiles".