DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entre o 4 e 8 de febreiro levouse a cabo a novena edición desta iniciativa do proxecto Green Campus

O campus reúne máis de 160 aparellos na campaña de recollida de RAEEs

CCSS e da Comunicación e a EE Forestal foron os puntos de recollida máis activos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Pontevedra 12/02/2019

A novena edición da Semana de Recollida de RAEEs (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos), promovida pola Vicerreitoría do campus, permitiu reunir nos diferentes centros do campus un total de 163 aparellos, contribuíndo así ao correcto tratamento duns residuos con compoñentes contaminantes. 15 teléfonos móbiles e fixos, nove ordenadores e portátiles, sete pantallas ou monitores ou cinco impresoras son algúns dos equipamentos que a comunidade universitaria depositou nos diferentes puntos de recollida nos que, ao longo da pasada semana, se desenvolveu a novena edición desta iniciativa inserida no proxecto Green Campus e que ten como obxectivo concienciar á comunidade universitaria da necesidade de dar un correcto tratamento como residuos aos múltiples aparellos que funcionan con electricidade, pilas ou baterías.

Inserida no plan de acción do proxecto Green Campus, que permitiu a Pontevedra obter a bandeira verde que a FEE (Foundation for Environmental Education) outorga a través da asociación ADEAC, polo seu labor en materia de educación e concienciación ambiental, esta campaña de recollida “está funcionando ben”, recoñece Carlos Souto, director do Green Campus e do Campus Crea, que incide en que “a comunidade universitaria está participando” e depositando nos diferentes puntos de recollida os seus residuos, “o que significa que estes non van a un sitio inadecuado, senón a un no que serán tratados adecuadamente”. Nese senso, Souto incide en que “realmente, o noso obxectivo non é obter moitos RAEE, senón concienciar de que, na medida do posible, é preciso consumir menos e producir menos residuos, pero unha vez que os temos, o importante é levar a cabo unha correcta recollida para que non se convertan nun residuo perigoso”. 

As cinco facultades e escolas do campus pontevedrés, a Casa das Campás, o Pavillón Universitario e a Escola Infantil do campus foron novamente os puntos nos que se levou a cabo, entre o 4 e o 8 de febreiro, unha recollida que a Vicerreitoría do  campus promove coa colaboración da Oficina de Medio Ambiente (OMA) da Universidade. Unha vez rematada, explica Souto, procédese a unha revisión e separación dos aparellos depositados, de tal xeito de que os sexan susceptibles dun novo uso son recollidos polo Grupo de Reciclaxe Informático da Universidade (Gruvi), mentres que os restantes son retirados para o seu traslado a unha empresa de tratamento deste tipo de residuos.

A maior participación, en CCSS e da Comunicación e na EE Forestal

Ao igual que aconteceu coa anterior edición desta Semana de Recollida de RAEEs, levada a cabo o pasado mes de outubro e na que se reuniron máis de 150 aparellos, nesta novena edición a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e a Escola de Enxeñaría Forestal foron os puntos nos que se depositaron un maior número de electrodomésticos, equipamentos informáticos e outra serie de aparatos. No caso do punto de recollida instalado no acceso á CCSS e da Comunicación, a comunidade universitaria depositou un total de 59 aparellos, desde ordenadores, impresoras, teléfonos ou monitores ata unha trituradora de documentos, un aspirador ou un aplicador de pedras eléctrico. No caso da EE Forestal, esta semana permitiu a recollida de 47 aparellos, desde portátiles e cámaras de fotos ata unha cafeteira ou un quentador de auga. A Casa das Campás, con 28 aparellos, e a Escola Infantil, con 11, son os seguintes puntos con maior actividade nesta campaña que está previsto celebre a súa décima edición nas últimas semanas deste cuadrimestre.