DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría conmemora o día dedicado á escritora cun concerto e unha conferencia

O campus súmase á alborada para Rosalía

O acto terá lugar o xoves 23 e terá como eixe a zarzuela galega

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Música
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 15/02/2023

Con motivo da conmemoración, o 23 de febreiro, do Día de Rosalía, a Asociación de Gaiteros Galegos e a Fundación Rosalía de Castro efectuaron nos últimos anos un chamamento aos músicos e músicas de Galicia para que, desde diferentes puntos do país, interpreten unha alborada na súa honra. Co obxectivo de pór en valor “unha figura senlleira na que é a razón de ser do noso pobo”, como salienta o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, o campus sumarase o vindeiro xoves 23 a este chamamento. Farao coa interpretación musical do poema Alborada por parte da soprano Loli Crespo e o pianista Alejo Amoedo, no marco dun acto conmemorativo que terá como eixe central a zarzuela galega.

Este pouco coñecido xénero musical será o eixe da conferencia que nesta xornada impartirá na Casa das Campás o musicólgo Javier Jurado e centrará tamén boa parte do repertorio do recital que ofrecerán Crespo e Amoedo, do que forman parte tamén varias pezas que poñen música a poemas de Rosalía, alén da propia canción coa que o campus busca sumarse á Alborada para Rosalía. Programada para as 20.30 horas e con entrada libre ata completar a capacidade da sala, a Vicerreitoría súmase con esta actividade ao conxunto de iniciativas que diferentes insitucións e entidades promoverán nos próximos días para conmemorar o día de nacemento da poeta. Ao mesmo tempo, esta actividade permitirá tamén, como lembra Torres, “darlle visibilidade a un xénero musical” que foi abordado por compositores como Reveriano Soutullo, o da zarzuela ou balada galega. 

Música e verbas para afondar na balada galega

Orixinada a partir da mélodie francesa no que respecta ao tratamento da voz e ao acompañamento do piano e caracterizada pola inclusión de elementos musicais de orixe popular xunto a referencias propias da zarzuela, as características deste xénero serán o eixe da conferencia do profesor no Conservatorio Superior de Música de Vigo Javier Jurado, que centrou de feito a súa tese de doutoramento pola Universidade da Coruña na zarzuela galega. Este musicólogo é tamén o editor dun libro-disco, Saudades d´alborada, que propón un percorrido histórico por este xénero a través das interpretacións de Crespo e Amoedo.

Esta gravación fora xa o eixe dunha das actividades impulsadas pola Vicerreitoría con motivo do Día das Letras Galegas en 2021, mais as restricións na capacidade da sala ás que obrigaba por aquel entón a covid-19, motivan que este acto busque tamén “presentar este disco con todo o seu merecemento”, como lembra Torres. Deste xeito, as pezas incluídas nesta gravación centrarán o repertorio do concerto da soprano Loli Crespo, que ao longo da súa traxectoria ten actuado con formacións como a Real Filharmonía de Galicia ou a Orquestra Nacional Portuguesa, e o pianista Alejo Amoedo, tamén profesor do Conservatorio Superior de Música de Vigo, cuxa traxectoria era recoñecida en 2021 co Premio da Crítica de Galicia e que recentemente era elixido membro do plenario do Consello da Cultura Galega, ademais de coordinador do Arquivo Sonoro de Galicia. Ambos proporán neste concerto un percorrido pola historia da zarzuela galega, que abrangue desde compositores do Romanticismo como Juan Montes ou José Castro, Chané, ata a produción contemporánea de autoras como María Mendoza, complementado á súa vez por unha serie de pezas en homenaxe a Rosalía de Castro.