DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Poden entregarse ata o 13 de decembro no andar -1 do edificio Exeria

O campus súmase, un ano máis, á campaña de recollida de xoguetes da ONG Stop

Deben estar limpos, en bo estado e sen envolver

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 07/12/2022


Como vén sendo costume nos últimos anos, o campus de Vigo únese á campaña de recollida de xoguetes organizada pola ONG Stop poñendo a disposición da comunidade universitaria un punto de recollida. Ata o vindeiro 13 de decembro, as persoas interesadas en colaborar con esta iniciativa solidaria, que busca que todos os nenos e nenas teñan un agasallo no Nadal, poderán depositar as súas achegas nun espazo habilitado para este fin situado no andar -1 do edificio Exeria, ao carón das máquinas expendedoras.

Os xoguetes poden ser novos ou usados, pero neste último caso deben estar limpos, en bo estado e completos. Búscanse, preferiblemente, xoguetes non bélicos, de carácter educativo ou que poidan ser empregados para a formación e o estudo. De feito, dende a ONG salientan que se precisa, especialmente, material informático e escolar para nenos e nenas de 10 a 15 anos. En todo caso, todo o que se doe debe estar sen envolver.

As persoas que prefiran entregar os xoguetes no punto central de recollida da ONG poden facelo no número 23 da rúa Paulino Freire, en Bouzas, de luns a venres entre as 17.00 horas a 19.00 horas. 

Dende 2010 facendo unha recollida solidaria

A ONG Stop comezou a realizar estar campaña solidaria anualmente co obxectivo de que a ningún cativo ou cativa lle falte un agasallo no Nadal. Para recoller o material, ademais do punto central de Bouzas, toda unha serie de empresas e institucións da cidade de Vigo se unen cada no a esta iniciativa, ofrecen as súas instalacións como punto de recollida para a cidadanía. Pero o material recollido non se queda só en Vigo, senón que tamén se distribúe por outros puntos de Galicia e mesmo de España, como foi o caso do ano pasado, cando se destinaron 1500 xoguetes para os nenos e nenas da illa da Palma. 

Nos 12 anos que leva en activo esta campaña, repartíronse máis de 72.000 xoguetes por Vigo, Galicia e España e a implicación da cidadanía non fixo máis que crecer ano a ano. Se en 2010  se recolleron 927 xoguetes e en 2021 foron xa 15.239, para esta campaña a organización agarda que, se se continúa coa senda de crecemento das edicións pasadas, se poida chegar aos 17.000.