DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun obradoiro sobre voz, canto e poesía popular oral galega

O campus súmase á celebración do Día de Rosalía

Contou coa participación de alumnado de Educación e Traballo Social e do Programa para Maiores

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI Ourense 21/02/2025

Este domingo, 23 de febreiro, celébrase un ano máis o Día de Rosalía de Castro, tendo en conta a data do aniversario do nacemento da escritora galega. Sumándose unha vez máis a esta conmemoración, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense organizou este venres unha actividade co seu alumnado titulada De Rosalía ás cantareiras: as letras galegas con voz de muller.

A iniciativa, na que colaborou profesorado do centro, arrancou cunha benvida a cargo de Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social. Ela lembrou o figura de Rosalía de Castro como “unha muller referente”. Nun contexto literario global no que “case sempre os referentes son masculinos”, citando por exemplo a Cervantes na lingua castelán e Shakespeare na inglesa, a responsable académica gabou o feito de que o galego constitúe “un dos poucos sistemas literarios de Europa que ten a unha muller como autora fundacional da súa literatura moderna”. Neste contexto, indicou, “non é algo irrelevante” ter un día dedicado a Rosalía de Castro, pondo en valor o feito de que esta actividade constitúe “unha forma de recoñecérmonos nun legado, nunha figura, que pensou no seu pobo desde unha perspectiva crítica, de reivindicación, de querer mudar as cousas”.

A programación continuou coa lectura do Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2025, que foi redactado nesta ocasión por Marga do Val. A lectura foi realizada pola docente do campus Mercedes González.

De seguido tivo lugar a actividade principal da homenaxe: un obradoiro de voz titulado Canto e emocións: poesía popular oral galega, a cargo da profesora do centro Lucía Casal. Nel afondou de xeito especial na relación entre a voz e o canto e a xestión emocional. “A voz é o espello de quen somos, da nosa personalidade”, apuntou, e “o canto pode axudarnos a solucionar problemas tanto físicos como emocionais e psicolóxicos”. Por este motivo amosou a súa convicción de que “todos nalgún momento deberiamos animarnos a cantar”. Na súa intervención tamén participaron alumnas do Programa Universitario para Maiores do campus que fixeron na súa materia “unha pequena indagación documental” sobre a presencia e uso da palabra voz na obra de Rosalía de Castro Cantares Gallegos.