DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun acto que tivo lugar este xoves na Facultade de Educación e Traballo Social

O campus súmase á celebración das Letras Galegas reivindicando a transmisión oral interxeracional

Na homenaxe destacouse o papel de cantareiras, pandeireteiras e regueifeiras

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Música
  • Cultura
DUVI Ourense 08/05/2025

Este ano a Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas, o 17 de maio, á poesía popular oral. Sumándose a esta homenaxe, o campus de Ourense celebrou este xoves o acto De Rosalía ás cantareiras: as letras galegas con voz de muller. Nel, púxose en valor o papel de cantareiras, pandeireteiras e regueifeiras e reivindicouse a importancia da transmisión oral, de xeración en xeración, da cultura e a lingua galegas.

Na presentación da actividade, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, salientou que este ano, na celebración do 17 de maio conflúen dúas reivindicacións: a da lingua galega pero tamén a do papel das mulleres “como grandes creadoras e transmisoras da cultura do noso país”. O responsable académico animou ao alumnado presente a implicarse no uso do galego e lembrou o compromiso coa lingua, “no traballo día a día” e non só en eventos puntuais, da institución académica e da Facultade de Educación e Traballo Social que organizou este acto.

Pola súa banda, Ana Iglesias, coordinadora da actividade na Facultade de Educación e Traballo Social, puxo en valor a “perspectiva feminina” que ten a conmemoración deste ano do Día das Letras Galegas. A profesora recalcou, ante o numeroso alumnado do centro que participou na homenaxe, a importancia da transmisión interxeracional da lingua e a cultura galegas. Para a supervivencia do idioma, recalcou, “é imprescindible que a xuventude sexa condutora e reprodutora da nosa lingua”. Neste senso lembrou aos estudantes de Educación Infantil e Educación Primaria presentes que elas e eles serán o día de mañá, cando sexan mestras e mestres, “referentes lingüísticos” para as crianzas das súas aulas e como terán un “papel fundamental” no futuro do galego.

Pasado e presente

O acto arrancou coa conferencia A tradición de cantar: cantareiras e cantares, a cargo de Cristina Asenjo, profesora de música do IES de Maceda, membro de grupos como O Sonoro Maxín e Lamatumbá, que actualmente realiza a súa tese de doutoramento na Facultade de Educación e Traballo Social ourensá. Na súa intervención fixo un repaso polas mulleres elixidas pola Real Academia Galega para personificar a homenaxe deste Día das Letras Galegas: Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica). Estas mulleres, dixo a relatora, “representan a memoria colectiva, a transmisión oral e a resistencia para preservar o galego en tempos difíciles”. O seu fito na música, sinalou, foi “transmitir a oralidade, esa sabedoría, esa memoria colectiva”, sinalando que as homenaxeadas neste 17 de maio “sacaron as pandeireteiras das aldeas e déronlle unha proxección máis escénica”.

No seu percorrido pola traxectoria destas mulleres, Cristina Asenjo tamén lembrou o traballo de recollida e análise da música tradicional galega feita pola musicóloga suíza Dorothé Schubarth na súa estadía en Galicia desde 1978. Ademais, fixo un repaso por como evolucionou a pandeireta e a tradición de cantar entre mulleres na cultura galega ata chegar a actualidade, actualidade na que, indicou, vívese un “boom” musical, apuntando fitos como os acadados polas Tanxugueiras.

Na homenaxe celebrada este xoves no campus de Ourense tivo un papel moi importante o alumnado dos graos de Educación Infantil e de Educación Primaria do centro, que, acompañados pola profesora Lucía Casal, interpretaron xuntos a Pandeirada de Doade. Tamén houbo unha mesa redonda, moderada polo profesorado do centro Mercedes González e Fernando Dacosta, na que o estudantado expuxo os traballos realizados arredor dos cantares galegos e nos que reflexionaron sobre temas como o papel da muller neles. Completaron a programación a actuación do grupo de pandeireteiras Xúa e as regueifeiras Branca Trigo e Silvia Villar.