DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A AECC instalará unha mesa informativa, no marco da iniciativa ‘Espacios Sin Humo’

O campus súmase este martes ao Día Mundial sen Tabaco

O 43% dos participantes nunha enquisa considera que non se debería fumar nos seus espazos exteriores

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Saúde
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 30/05/2022

O pasado mes de marzo, o campus de Pontevedra declarábase “espazo libre de fume” tras a sinatura dun convenio entre a Universidade de Vigo e a Asociación Española Contra el Cáncer (AECC), polo que a institución académica se convertía na primeira universidade galega e a terceira española en adherirse á iniciativa Espacios sin Humo da AECC. Co obxectivo de dar a coñecer este proxecto e informar dos perigos que o consumo e fume de tabaco supoñen para a saúde, así como dos recursos que poden axudar a abandonar este hábito, a AECC instalará unha mesa informativa no campus este martes, coincidindo coa conmemoración do Día Mundial sen Tabaco.

Esta iniciativa insírese nas accións informativas e de sensibilización que a AECC leva a cabo xunto coa Vicerreitoría do campus no marco do proxecto Espacios sin Humo, entre as que tamén se atopaba a realización dunha enquisa que foi respondida por 207 integrantes da comunidade universitaria. Dirixida a coñecer tanto a porcentaxe de fumadores existente no campus como a súa opinión deste proxecto, este cuestionario foi realizado tanto por alumnado, como por docentes e por persoal de administración e servizos e externo, de entre 17 a 50 anos. Do total de persoas enquisadas, das que o 58% eran mulleres, un 36% afirmaron ser fumadores habituais e ocasionais, “cun consumo predominante de tabaco convencional”, no 55% dos casos, segundo informou a AECC. 

Preto do 80% considera que non se cumpre a actual normativa

Preguntados respecto do grao de cumprimento no campus da normativa relativa ao consumo de tabaco, que prohibe fumar nos accesos inmediatos aos centros e nas beirarrúas adxacentes, o 79% das e os participantes consideran que esta non se está a cumprir no campus pontevedrés, situando como causa deste incumprimento a “falta de empatía”, no 51% dos casos, e a “falta de información”, noutro 43%. Indo xa ao propio obxectivo do proxecto, que busca que o conxunto do campus sexa un espazo sen fume, o 43% dos enquisados e enquisadas consideran que non se debería consumir tabaco nin nos bancos ou parques próximos aos edificios nin conxunto do espazos ao aire libre do campus.

“A idea que sae desta enquisa é que consideran que o campus non é un bo sitio para fumar e que sería positivo axudar á xente a deixalo", salienta o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, dunha enquisa que permitiu constatar tamén o interese dos fumadores e fumadoras que forman parte da comunidade universitaria respecto de posibles “axudas para deixar o tabaquismo”. Nese senso, un dos propósitos da mesa que permanecerá no campus entre as 10.30 e as 13.30 horas é tamén dar a coñecer os recursos que a AECC pon á súa disposición para abandonar esta adicción, como “un curso de deshabituación tabáquica”, unha guía para deixar de fumar ou a aplicación RespirApp

Así mesmo, outro dos obxectivos desta mesa e das que a AECC instalará mañá nos hospitais e centros de saúde é pór de relevo os riscos que implica o fume ambiental, xa que, segundo os datos feitos públicos nesta xornada pola asociación, dos oito millóns de persoas que falecen anualmente no mundo por causa do tabaco, máis dun millón “nunca acenderon un cigarro”.