DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores a vicerreitora visitou a súa sede na cidade

O campus únese á celebración dos 25 anos da Asociación Española contra o Cancro en Ourense

Deixou para a cápsula do tempo da entidade un libro da historia da institución académica

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Visitas
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 03/10/2018

A Asociación Española contra o Cancro en Ourense está a conmemorar os 25 anos de implantación nesta provincia e no marco das actividades de celebración convida a representantes de entidades da contorna a achegarse a coñecer a súa sede na cidade e a deixar algún obxecto nunha “cápsula do tempo” que están a facer. Uníndose a esta iniciativa e en recoñecemento á actividade que desenvolve a asociación, este mércores achegouse ata a súa sede Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, sendo recibida por María Isidora Gómez, presidenta da asociación, e outros membros da entidade.

Esther de Blas deixou para a cápsula do tempo un exemplar do libro editado co gallo dos 40 anos do campus de Ourense. Na súa sinatura no libro de conmemoración, a responsable académica destacou como “sempre é un pracer colaborar coa xente que dedica a súa vida e o seu tempo a mellorar a vida dos demais e nesa tarefa nos encontraredes á Universidade de Vigo, ao campus de Ourense e a min mesma”. Salientando a boa acollida que está tendo esta celebración, que ten por lema 25 anos soñando que o cancro unicamente sexa unha constelación, desde a Asociación Española contra o Cancro en Ourense quixeron agradacer a colaboración do campus de Ourense nesta e noutras iniciativas da entidade.