DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun acto que se celebrará este venres no edificio Xurídico-Empresarial

O campus únese á conmemoración dos 20 anos do Programa Universitario de Maiores

Na actualidade o PUM conta con 75 estudantes en Ourense

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 09/06/2022

Ao igual que aconteceu nos demais campus da Universidade de Vigo, o Programa Universitario de Maiores (PUM) no campus de Ourense celebra este venres o seu XX aniversario. Nel farase memoria e renderase homenaxe ás persoas maiores de 55 anos que ao longo destas dúas décadas buscaron nas aulas universitarias “un coñecemento socrático, é dicir aprender por aprender, só pola simple realización persoal e humana”, tal e como indica Alberto Vaquero, coordinador deste programa no campus de Ourense nos últimos nove anos.

O acto celebrarase ás 18.30 h na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e contará coa intervención de, ademais de Alberto Vaquero, de Celso Pumar, presidente das Aulas Abertas do Campus de Ourense, e Antón Lois Fernández, profesor do PUM, que ofrecerá a conferencia Educación e felicidade. O coñecemento fainos máis libres. Nel tamén se lembrará a José María Santos González “alumno, profesor e amigo” do Programa Universitario de Maiores en Ourense e director do seu coro, falecido recentemente.

Crecemento constante

A historia do PUM remóntase a outubro de 2002, cando o Consello de Goberno da Universidade de Vigo deu luz verde á creación das Aulas de Formación Aberta, o que hoxe en día é este Programa Universitario de Maiores. Nacía entón unha iniciativa innovadora que tiña como obxectivo “ofrecer educación universitaria aos colectivos con difícil acceso á mesma e universalizar a cultura e o coñecemento”. O seu principal impulsor foi Antón Fernández, que naquel momento era vicerreitor de Titulacións, Posgrao e Formación Permanente. Na primeira edición eran arredor de 30 os estudantes en cada campus.

Ao longo destes 20 anos o crecemento desta iniciativa foi constate nos tres campus, con cada vez máis estudantes séniors achegándose ás aulas universitarias. Así, desde a súa posta en marcha pasaron por el nos tres campus 7700 estudantes sénior. No curso actual a Universidade de Vigo conta con 389 estudantes no PUM, 336 deles no seu ciclo intensivo de Cultura e Sociedade e 53 no integrado. Deles, 75 están no campus de Ourense, 88 en Pontevedra e 226 en Vigo. Tras a pandemia, as cifras de matriculados e matriculadas van paseniñamente recuperándose, coa vista posta en retornar á normalidade entre un alumnado que, pola súa idade, sufriu moito o impacto da covid. O programa, primeiro dividido nun ciclo intensivo de tres anos e outro de especialización de dous, mantén na actualidade unha estrutura moi similar, cun ciclo intensivo e outro integrado.

Moitas vivencias

Alberto Vaquero é profesor deste programa desde a súa posta en marcha en 2002, cando aceptou dar aulas “nunha experiencia nova, algo distinta, dirixida a un público un tanto especial, diferente” que se poñía entón en marcha. “Comezar a dar clase a persoas que case triplicaban a idade do meu habitual auditorio, era canto menos un reto para calquera docente, pero como me gusta dar clase, dixen que si”, sinala. “Aquilo foi o comezo dunha bonita historia, unha historia que hoxe celebramos entre todos. Nos meus 31 ano na Universidade teño que recoñecer que son dos mellores alumnos que tiven”, apunta. O perfil de estudantes no campus de Ourense ao longo destes anos, comenta Alberto Vaquero, é “moi variado pero sempre entregado: dependentes, comerciais, empregados e empregadas de banca, panadeiros, empresarios e empresarias, mestras, industriais, todos e todas grandes persoas, grandes coñecedores da vida, grandes amigos”. A persoa que decide estudar outra vez xa de adulta, recoñece o profesor, faino desde unha perspectiva moi distinta, pois, indica, “trátase dunha decisión libre e consciente, cunhas pretensións distintas ás de aprobar e acabar canto antes os estudos para atopar un traballo”.

Así, subliña o coordinador do PUM no campus de Ourense, o seu alumnado, “fronte á opción cómoda de non facer nada opta por estudar, por vir a clase, por facer traballos, por participar”, algo que, apunta, é unha lección para todos aqueles que opinan "aos meus anos, para que vou estudar". Ao longo do seu paso pola universidade, destaca Alberto Vaquero, este alumnado recibe docencia teórica, pero tamén práctica e desenvolve un amplo abano de actividades extraacadémicas, entre elas moitas visitas a entidades da contorna do seu interese. A súa inquedanza continua e ganas de aprender, subliña o profesor, “non ten límite” e “ensínanos moito”. Por este exemplo que supoñen, Alberto Vaquero sinala que na homenaxe que se celebrará este venres daralle as grazas a este alumnado en nome de todo o profesorado que participa neste programa.