DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas centradas na construción dun mundo máis sostible

O campus únese á conmemoración do Día Mundial do Traballo Social

O COTSG concede un dos seus premios co gallo desta data a un traballo fin de grao da UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 16/03/2022

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense uniuse este mércores á conmemoración do Día Mundial do Traballo Social coa celebración das xornadas Co-construíndo un novo mundo eco-social: non deixar a ninguén atrás. Ademais, a egresada do centro Noelia García acadou o galardón ao mellor traballo fin de grao nos premios que co gallo desta data organiza o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG).

As xornadas Co-construíndo un novo mundo eco-social: non deixar a ninguén atrás estiveron organizadas por Mónica López Viso, coordinadora do Grao de Traballo Social, e contaron cun amplo programa de actividades nas que se quixo involucrar ao alumnado dos diferentes cursos do grao que se imparte no campus de Ourense. Deste xeito, desde a organización da actividade quixeron destacar a colaboración na iniciativa non só do centro e da Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Igualdade e Cooperación da Universidade de Vigo senón tamén das e dos delegados e representantes do alumnado dos catro cursos do Grao de Traballo Social.

Todos os anos, sinalaron desde a organización das xornadas, a facultade celebra con actos de diferente tipo o Día Mundial do Traballo Social. A celebración deste día, lembraron, “é unha forma de pór en valor ás e aos traballadores sociais e os graos de Traballo Social”. Nesta ocasión, a temática escollida para a efeméride foi a construción dun mundo máis sostible desde o traballo social. “Despois dos dous anos que levamos de encerro e pandemia, a idea este ano foi celebrar xuntos esta data dun xeito máis lúdico”, comentou Mónica López Viso. A temática elixida, a perspectiva eco-social, achégase, sinalou, a como “transitar desde un enfoque androcentrista ata un enfoque eco, coa idea de facer un mundo máis amable e máis sostible, algo que necesitamos moito despois dunha pandemia que puxo en evidencia toda unha serie de desigualdades que aínda se agrandan máis agora con esta crise que estamos a vivir pola guerra de Ucraína”.

Permacultura e outras accións

A programación arrancou cun obradoiro de introdución á permacultura no no Traballo Social, ofrecido por Marta Pernas, egresada en Traballo Social pola Universidade de Vigo. Nel traballou arredor da permacultura “como ferramenta para a transición ecosocial”, desenvolvendo un obradoiro lúdico-didáctico no que o alumnado participante achegouse “a este novo paradigma con dinámicas e xogos para aprender máis desta ciencia de deseño”. Permacultura, indicou a relatora, significa cultura permanente. “O modelo de vida occidental non é sostible a longo prazo. Iso xa está demostrado e evidenciado. Entón, a perspectiva é como cambiamos a cultura e modelo de vida humano cara un modelo máis permanente no tempo, como transitar a unha cultura permanente”, explicou Marta Pernas. O concepto, indicou, empezou nos anos 70 como agricultura permanente pero evolucionou cara permacultura ao evidenciarse “que non podía haber agricultura sen cultura”.

Segundo explicou Marta Pernas, “a sociedade está en constante movemento e cambios e o traballo social tamén se ten que adaptar a estes cambios”. O eco-social, engadiu, “é un enfoque máis innovador e urxente e máis holístico do que o traballo social tradicional”. Así, apuntou, “envolve, ademais das relacións humanas, as relacións cos ecosistemas, o respecto dos seres vivos e dos recursos naturais, como son a auga, a terra e o aire”. A relatora comentou que no marco da problemática das desigualdades sociais, “que están ligadas coa degradación do mundo natural e tamén eu inclúo aquí as desigualdades de xénero”, trátase de ver como “a xustiza climática vai da man da xustiza social e tamén da xustiza de xénero”. Entre as propostas de solucións que hai á problemática da sostibilidade, a permacultura, apuntou, “xunta moitas solucións e agora mesmo o que precisamos é focalizarnos nas solucións, xa que a problemática xa está bastante identificada”.

Xa pola tarde, a programación continuará cunha lectura de poesía coa participación de Tamila Alem, tamén egresada do centro e poeta autora dos libros Darling bolboreta e Tremenda muller. Na lectura tamén haberá micro aberto para a xente que se anime a ler poemas, relatos, etc. de temática social. Ademais, Xosé Artur Cuns, director en Galicia da Rede Europea de Loita contra a Pobreza, falará da axenda social de Galicia e da incidencia política desde o terceiro sector. As xornadas rematarán co visionado de mini-vídeos feitos por alumnado e profesionais do eido do traballo social.

Traballo fin de estudos premiado

No marco da celebración desta data, este martes pola tarde o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia outorgou nun acto virtual os seus Premios do Día Mundial do Traballo Social. Na categoría de traballo fin de estudos foi premiado o traballo fin de grao Impacto da pandemia na biografía das e dos profesionais da protección á infancia e mocidade de Galicia, da egresada da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense Noelia García. O traballo, indicaron desde o colexio profesional, pon de manifesto o incremento das dificultades que tiveron estas e estes profesionais durante a pandemia, como son a precariedade laboral e o desgaste, e sinala a necesidade de incrementar a formación e as accións para o autocoidado. “Moi contenta de recibir este premio” no seu primeiro ano como traballadora social, Noelia García agradeceu “a boa acollida deste traballo” e a concesión do galardón. “O camiño para realizalo foi un camiño difícil porque eran momentos de gran fraxilidade, de incerteza, pero o traballo puido saír adiante co apoio de moitas persoas”, afirmou a galardoada.

Este premio, apuntou Noelia García na súa recollida, tamén quere ser “un recoñecemento e mostra de admiración cara as e os profesionais que desenvolven no día a día o seu traballo paliando as eivas que aínda ten o sistema de protección á infancia e que o fan como mellor saben e como mellor poden”. A traballadora social amosou por último o seu desexo de que se continúe profundando na temática do seu traballo fin de estudos, que estivo dirixido pola profesora Ana Méndez, porque, salientou, “é de vital importancia para mellorar así a calidade de vida das e dos profesionais do traballo social, o que á súa vez reverte nas accións para con estes nenos e nenas e para coas súas familias”.