DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa proxección da película 'A fonte das mulleres'

O campus uniuse un ano máis á celebración do Día Mundial da Auga

O acto celebrouse este martes pola tarde no Edificio de Ferro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 23/03/2022

Un ano máis, o campus de Ourense uniuse este martes á celebración do Día Mundial da Auga. Fíxoo coa proxección da longametraxe A fonte das mulleres, dirixida por Radu Mihaileanu e participante na sección oficial do Festival de Cannes de 2011. A película sitúase nun pequeno pobo, entre o Norte de África e Oriente Medio, onde a tradición esixe que as mulleres vaian buscar a auga, baixo un sol ardente, á fonte que nace no alto dunha montaña. Leila, unha nova casada, propón ao resto de mulleres unha folga de sexo ata que os homes colaboren con elas no transporte da auga ata a aldea.

O acto, que se celebrou no Edificio de Ferro, contou coa asistencia de Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, e coa intervención de Roberto Ignacio Fernández, director do Campus Auga, o proxecto de especialización do Campus de Ourense arredor dos recursos hídricos. Nel lembrouse a importancia destes recursos e a aposta pola investigación, a innovación e o desenvolvemento ao seu redor que fai a Universidade de Vigo co proxecto do Campus Auga. Na actividade tamén se indicou que a entrega dos Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga, convocados anualmente pola Vicerreitoría do Campus de Ourense e que habitualmente se entregaban co gallo da conmemoración deste Día Mundial da Auga o 22 de marzo, será finalmente o venres 8 de abril no campus de Ourense.