DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo masculino venceu 64-63 mentres que o feminino o fixo por 39-33

O Campus Universitario de baloncesto consegue a victoria en ambas competicións

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Marta Casanova DUVI 31/03/2008

A xornada desta fin de semana foi moi positiva para os equipos do campus, xa que tanto os rapaces como as mozas acadaron sendas victorias. O equipo dos mozos venceu 64- 63 ao Basquet Coruña nun partido no que o seu adestrador, Nino Santos, estivo ausente por motivos persoais. Roberto, adestrador do equipo feminino foi o encargado de estar no banco e, segundo el, “chegamos ao descanso perdendo de 12 puntos pero na segunda parte fixemos unha moi boa labor defensiva, roubamos balóns e anotamos tantos fáciles, o que nos permitiu ter unha pequena vantaxe no terceiro cuarto que mantivemos ata o final do partido, aínda que con tensión nos derradeiros momentos” explicou.
A vindeira xornada enfrontaranse ao Obradoiro en Santiago o sábado ás 20.15 horas nun partido que se prevé “moi complicado, son os cuartos da clasificación e nós imos ter baixas seguras, polo que ao mellor temos que recorrer a xogadores do equipo xuvenil” comentou Roberto.

O equipo feminino

En canto ao equipo das mozas, despois de case un mes sen xogar, tamén acadaron unha victoria ante o Colexio Mariano de Vigo por 39-33. Aínda así, o adestrador explicou que “non fixemos un bo partido, con tanto parón temos pouca constancia e falta de ritmo, ademais tiñamos tres baixas, polo que as rotacións estaban moi limitadas”.
O próximo partido é o último da liga, polo que é moi importante xa que, “se gañamos quedamos exentos da primeira rolda e pasaríamos directamente a semifinais como primeiros de grupo”. O rival, será o Peleteiro de Santiago, este sábado e “aínda que temos as mesmas baixas, teremos opcións” comentou o adestrador.