H2040, Nós Universidade e ConSenso multiplican accións a un mes vista do inicio da campaña
As candidaturas á Reitoría botan man de redes, Youtube e a web para desvelar equipos e debullar propostas
As actividades en liña compleméntanse con encontros presenciais coa comunidade universitaria
Cando falta pouco menos dun mes para o inicio da campaña electoral á Reitoría da UVigo as tres candidaturas que optan a dirixir a institución académica viguesa durante os seis próximos anos, centran as súas accións nas redes sociais, Youtube e a web en dar a coñecer ás persoas que integrarán os equipos de goberno, así como para trasladar á comunidade universitaria algunhas das súas propostas.
Mentres H2040 opta en Falamos UVigo por conversas da súa candidata, Belén Rubio coas persoas que integrarán o seu equipo de goberno, comezando pola candidata á Secretaría Xeral, María José Bravo Bosch, e á Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade, Félix Quintero; Nós Universidade e ConSenso, confirman que non darán a coñecer os equipos ata o día 17 de abril, data fixada para esta acción no calendario electoral. Non obstante, ConSenso artellou un xogo de pistas, na súa web e en redes, no que a través de información e fotos, invítase a adiviñar quen ocupará os cargos do equipo reitoral, mentres que Nós Universidade xa presentou as súas candidatas ás vicerreitorías de Ourense e Pontevedra nun acto celebrado o pasado 9 de marzo.
As tres candidaturas traballan igualmente para trasladar as súas propostas e modelos de goberno á comunidade universitaria, ben a través de publicacións nas súas plataformas, ben a través de xuntanzas presenciais con diferentes sectores.
H2040: 'Falamos UVigo' e comunicando “con calma e profundidade”
Co obxectivo de “contar con espazos que acheguen maior profundidade e calma na presentación das propostas e no coñecemento dos membros da candidatura” H2040 puxo en marcha unha canle de Youtube na que se presenta o espazo Falamos UVigo, no que a candidata á Reitoría, Belén Rubio, conversa cunha ou cun membro do que será o seu equipo de goberno. Falamos UVigo estreouse cunha conversa coa persoa proposta para ocupar a Secretaría Xeral, a catedrática e actual secretaria xeral da UVigo, María José Bravo Bosch, e co candidato a ocupar a Vicerreitoría de Infraestruturas e Sostibilidade, Félix Quintero, e aos que seguirán en próximos días as persoas que ocuparían as vicerreitorías dos campus de Ourense e Pontevedra.
H2040 tamén dispón das redes habituais, concretamente Instagram e Facebook, e unha páxina web, con información “ampla, detallada e accesible para a comunidade universitaria”. Entre outros contidos, a web dispón dun repositorio de documentos nos que se poderán consultar as propostas traballadas nas reunións de preparación do programa electoral.
Unha axenda actualizada das actividades da candidata e o seu equipo é outro dos apartados cos que conta a web, aínda que para Rubio “as reunións e encontros con membros e colectivos da comunidade universitaria están a ser un eixo fundamental e permiten comunicarse de xeito directo e con calma e profundidade no coñecemento dos temas que preocupan”. Mantendo o modelo de “universidade das persoas”, a candidata de H2040 pide “paciencia e comprensión á comunidade universitaria ante a previsible saturación informativa que se pode producir nas vindeiras semanas, incidindo na proposta dunha campaña con calma e profundidade”.
Nós Universidade: unha etapa de construción colectiva
A candidatura de Carmen García Mateo vive unhas semanas previas ao inicio oficial da campaña nas que a escoita, a presenza pública e o diálogo arredor dos grandes retos da UVigo marcan o ton dunha etapa que a propia candidata define como “de construción colectiva” co obxectivo de “proxectar as liñas mestras do programa e, ao tempo, tomar o pulso real ás preocupacións e demandas dunha comunidade universitaria que afronta un momento decisivo para o futuro da Universidade de Vigo”.
Nas redes sociais, García Mateo comparte en primeira persoa a súa participación en encontros, actos e iniciativas vinculadas ao proceso electoral en LinkedIn, Instagram, Facebook e TikTok, unha elección que responde á vontade de chegar a todos os colectivos da comunidade universitaria. "Sabemos que son perfís moi diversos e heteroxéneos", recoñece o equipo, polo que a estratexia pasa por modular a mensaxe en función de cada plataforma e falar a linguaxe audiovisual propia de cada espazo dixital. Mentres, a web da candidatura converteuse nunha canle directa de comunicación coa comunidade universitaria, na que o formulario habilitado, segundo responsables da candidatura, “está recibindo un volume notable de mensaxes, comentarios e propostas que nalgúns casos xa se están a incorporar ao programa electoral”.
Co ciclo de conferencias A universidade que queremos a piques de rematar este mércores 25 de marzo cunha sesión dedicada ao estudantado, o equipo de Carmen García Mateo mantén no horizonte a presentación pública do equipo reitoral prevista para o día 17, “un acto que quere reflectir a vocación da candidatura de representar o conxunto dos campus e a diversidade de sensibilidades e experiencias que conviven na universidade”.
ConSenso: pistas sobre o equipo e medidas para Re-Imaxinar a UVigo
Aposta por novos formatos para compartir, tanto o equipo, como as medidas que marcarán o seu proxecto para a UVigo. Con estes criterios está a enfrontar Consenso as semanas previas ao inicio da campaña electoral á Reitoría da UVigo.
Na web e nas redes sociais (Instagram, TikTok, Facebook) da candidatura de Jacobo Porteiro xa é posible xogar a descubrir quen integrará o seu equipo de goberno. A través de pistas e de fotografías da infancia pódese intentar adiviñar quen ocupará a Xerencia e as vicerreitorías de Investigación, Profesorado e Estratexia Dixital, unha relación que se completará con todo equipo de goberno, antes da súa presentación oficial o 17 de abril. “É un formato que buscar sorprender, xerar curiosidade e achegar o equipo dun xeito máis natural, divertido e recoñecible”, aseguran desde ConSenso.
Ao tempo, a candidatura de Jacobo Porteiro está a facer públicas medidas concretas agrupadas en bloques, considerados prioritarios, baixo o lema Re-Imaxina a UVigo. Ata o de agora xa se fixeron públicos os referidos á docencia e á vida na UVigo, con propostas, no primeiro caso, para mellorar a planificación académica, impulsa a innovación docente e avanzar cara unha docencia máis útil, e no segundo, centradas en mellorar a experiencia universitaria máis aló das aulas, con medidas relacionadas cos espazos de convivencia, os servizos e a participación.
Co anuncio da publicación durante a Semana Santa dunha conversa do candidato “cunha persoa clave nos inicios e no desenvolvemento da UVigo e que segue a ser unha persoa de referencia”, ConSenso, aseguran, “consolida unha maneira distinta de presentarse ante a comunidade universitaria”.
