Belén Rubio, Carmen García Mateo e Jacobo Porteiro debateron en Ciencias da Educación e do Deporte
As candidaturas á Reitoría confrontan as súas visións sobre o futuro do campus de Pontevedra
Nun debate electoral centrado en cuestións como infraestruturas ou conexión coa cidade
As candidatas e candidato á Reitoría da Universidade de Vigo, Belén Rubio, Carmen García Mateo e Jacobo Porteiro, afondaron este martes no seu modelo de futuro para o campus de Pontevedra, nun debate electoral desenvolvido na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. No que foi o primeiro debate promovido polas candidaturas dentro da campaña electoral iniciada este luns, as e o responsables de H2040, Nós Universidade e ConSenso abordaron cuestións como o impulso de novas titulacións e infraestruturas ou o papel do proxecto de especialización Campus Crea no modelo de campus. Moderado pola xornalista do Diario de Pontevedra Chus Gómez, tratouse dun debate estruturado en catro bloques, que permitiu tamén coñecer as propostas das tres candidaturas en materia de vivenda, mobilidade ou participación estudantil.
Especialización e titulacións
O modelo de campus e ampliación da oferta de titulacións centraron o primeiro bloque do debate, que correspondeulle abrir por sorteo a Jacobo Porteiro. O candidato de ConSenso defendeu que o de Pontevedra é un “campus con personalidade propia”, no que é preciso “apostar pola excelencia no ámbito da creatividade”, mais "sen esquecer outras titulacións que merecen apoio”. No referido ás novas titulacións, a súa proposta baséase en “traballar moi preto” das facultades e escolas e que sexa o diálogo cos centros o que permita “coñecer que potencialidades e intereses identifican” de cara as negociacións do novo mapa de titulacións. De xeito paralelo, sinalou, será preciso tamén “facer un traballo de consolidación” do cadro docente, xa que este contribuirá tamén a “mellorar tamén oferta académica”, aumentando “a capacidade do noso profesorado”.
Carmen García Mateo, candidata de Nós Universidade, lembrou que o campus conta con “titulacións únicas no Sistema Universitario de Galicia” que fano “un polo de recepción de estudantes”, o que levouna incidir na aposta da súa candidatura por “actuacións importantes en termos de infraestruturas”, que contribúan ao seu crecemento. No referido ao proxecto de especialización, sinalou, “no noso programa falamos de Campus Crea 2030”, nunha aposta por planificar as actividades relacionadas coa docencia, a investigación, a transferencia e un cuarto “eixe moi importante”, a programación cultural. Así mesmo, puxo o foco en que as titulacións do ámbito de Ciencias da Saúde poden tamén facer de Pontevedra “un polo de docencia e de investigación”.
Pechando este bloque, a candidata de H2040, Belén Rubio, salientou a súa aposta por consolidar o proxecto de especialización, “reforzándoo con máis recursos, máis visibilidade e máis conexión coa sociedade”. Tras lembrar a recente sinatura dun protocolo coa Xunta de Galicia para o impulso do Campus Crea, Rubio apostou por atraer talento, promover “proxectos multidiscplinares” e pola creación dun “instituto de investigación en creatividade que poida servir como nodo de referencia”. En materia de novos estudos, a candidata de H2040 avogou por “titulacións máis flexibles e versátiles”, orientadas á empregabilidade do alumnado, e apuntou que estase a traballar nun mestrado para a Escola de Enxeñaría Forestal, “en colaboración coas universidades da alianza europea Athena”.
Ampliación do campus
Outro dos eixes do debate foi a situación en materia de infraestruturas, espazos e servizos. Neste punto, a candidata de H2040 apostou por unha planificación tanto das necesidades en materia de “renovación e modernización” das infraestruturas, como de novos espazos. No referido a estes últimos, recoñeceu que o campus atópase nun “momento decisivo” de cara a súa ampliación. A candidata de H2040 recoñeceu “máis ou menos acordada” a cesión da parcela da antiga Tafisa e “dalgúns terreos máis” por parte do Concello, á vez que lembrou o “compromiso de cesión” da Xunta de Galicia do Hospital Provincial, que contribuiría a “dar pulo ao ámbito de Ciencias da Saúde” e no que poderían entrar tamén “prazas de residencia”. Rubio recoñeceu tamén a necesidade de modernizar “as instalacións deportivas, particularmente” na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, á vez que a “débeda histórica” coa ampliación deste centro. Ademais, propuxo “reconducir” a biblioteca cara un “centro de recursos de aprendizaxe e investigación”, con espazos para o traballo en grupo.
Jacobo Porteiro, pola súa banda, definiu como “tensionada” a situación en materia de infraestruturas dun campus no que “hai moitas necesidades de espazo”. O candidato de ConSenso sostivo que a “planificación a longo prazo” e proxectos “que semella que nunca chegan, como Tafisa” non deben impedir “que afrontemos as verdadeiras urxencias”, sinalando as necesidades de espazo de Deseño ou a ampliación de Ciencias da Educación e do Deporte. Non obstante, Porteiro recalcou que a resposta a estes “asuntos urxentes” debe realizarse sen “desaproveitar oportunidades” como a de Tafisa, ou a do Hospital Provincial, se finalmente é unha realidade”. No referido a Tafisa, Porteiro afirmou que “o Concello fixo todo o necesario” para ceder a titularidade dos terreos á Universidade, “que aínda non fixo a súa parte”, recoñecendo o “tremendo potencial” deste espazo próximo ao campus. O candidato de ConSenso apostou tamén por “humanizar o campus”, promovendo a súa peonalización.
Carmen García Mateo pechou este bloque sinalando que “este é o momento para que esas promesas de novos espazos se cumpran”. A candidata subliñou que é preciso firmar o convenio de Tafisa e que esta ampliación de espazos podería ser “unha oportunidade para titulacións como Deseño ou como Belas Artes, que teñen limitacións moi importantes en canto a instalacións”. Nese senso, comprometeuse a que, de ser elixida, “ao final do mandato sexa unha realidade” que esta parcela conte con “dotacións docentes que permitan esa ampliación do campus e a conexión coa cidade”. Ao mesmo tempo, García Mateo sinalou como unha das súas prioridades a construción do módulo de ampliación de Ciencias da Educación e do Deporte, ao igual que a residencia universitaria. No referido aos equipamentos existentes, sinalou que as facultades e escolas precisan dun “mantemento preventivo e non reactivo”, a través dun “plan plurianual, con tarefas que se planifican e se revisan”.
Residencia e conexión coa cidade
Previamente, o debate centrouse nas relacións entre o campus e a cidade e nas medidas en materia de mobilidade, vivenda, actividade cultural ou colaboración institucional. Neste apartado García Mateo apostou por colaborar coas institucións locais en actividades que “redunden nun campus máis vivo e máis sostible”, por avanzar nunha “maior peonalización” e por situar a sede da Vicerreitoría “máis preto da parte central do campus” da Xunqueira. En materia de vivenda, sinalou a “ventá de oportunidade” que supón o plan estatal de vivenda para “que neste mandato sexa unha realidade” a construción dunha residencia universitaria, tendo en conta ademais, sinalou, que o Concello conta “con terreos dispoñibles” para levar a cabo esta infraestrutura.
A construción dunha residencia universitaria é tamén “unha prioridade” para H2040, salientou a continuación Belén Rubio, quen incidiu tamén na disposición do goberno local para a cesión de terreos que permitan a súa construción. “É unha oportunidade que non podemos deixar escapar”, subliñou a candidata, quen avogou tamén por potenciar a participación da UVigo na vida cultural da cidade. Neste punto, apostou por “unha alianza moito máis estable e permanente no tempo”, que permita impulsar “proxectos compartidos e unha planificación máis a longo prazo”, tanto coas institucións públicas como co tecido empresarial.
O candidato de ConSenso sinalou tamén como “urxente” a necesidade de que Pontevedra conte cun prazas de residencia, o que implicará un traballo “cos axentes sociais”. Alén disto, apostou porque a institución académica impulse tamén unha “bolsa de aluguer”, ao igual que outras universidades. Jacobo Porteiro avogou tamén por “pasar dun modelo de campus preto da cidade a un modelo de campus na cidade”, apostando por “reforzar a oferta cultural” da UVigo en Pontevedra, promovendo un “contacto máis diario” da cidadanía “coa realidade da Universidade”.
Potenciar a vida estudantil
O último bloque permitiu coñecer as propostas das tres candidaturas para incrementar a participación do alumnado na vida universitaria. Jacobo Porteiro recoñeceu a “perda de vida nos campus como algo moi preocupante” e sinalou que para revitalizalos “o primeiro é entender cales son as súas necesidades”. O candidato de ConSenso apostou por potenciar a actividade deportiva e pola creación nos tres campus dunha “casa do estudantado”, como “un espazo de convivencia” entre alumnado dos diferentes centros. García Mateo, pola súa banda, avogou por “traballar en colaboración cos centros” no impulso de medidas que permitan que “o estudantado participe de forma activa na vida universitaria”, ao tempo que sinalou a aposta da súa candidatura por “instalacións deportivas e culturais de alta calidade” e por por fomentar “a vía do asociacionismo entre o estudantado”. Finalmente, Belén Rubio apostou tanto por potenciar “aínda máis as actividades culturais e deportivas” e por “espazos humanizados” nos campus. Ao mesmo tempo, avogou por potenciar a vida universitaria máis aló do curso, co iniciativas como unha “escola de verán” a través dos BIP (Blended Intensive Programmes), que permitirían achegar aos campus alumnado estranxeiro.
Este venres 24, as tres candidaturas á Reitoría protagonizarán un novo debate, desta volta centrado no campus de Ourense, mentres que o 30 de abril terá lugar no campus de Vigo o debate central destas eleccións á Reitoría.
