DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O artista e profesor estadounidense Peter Freund impartiu unha conferencia en Belas Artes

Cando a creación pasa por dar novos significados ao xa existente

Esther Ferrer e Concha Jérez, dúas premios nacionais, protagonizarán un coloquio no campus

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 07/11/2018

O malestar no détournement foi o título que o artista e profesor estadounidense Peter Freund deu ao relatorio co que este mércores propuxo na Facultade de Belas Artes unha reflexión unha práctica artística, o détournement, que se centra na modificación de materiais xa existentes para producir obras que acheguen un novo significado, “ideas diferentes e críticas a unha realidade xa existente”. Profesor do Saint Mary´s College de California, Freund atópase actualmente realizando unha estadía como investigador no Museo de Arte Contemporánea de Barcelona (Macba) e achegouse nesta xornada ata o campus da man do profesor Carlos Tejo, que é tamén o organizador de Conversas arredor da performance, un ciclo que o vindeiro mércores 14 traerá á sede da Vicerreitoría do campus a “dúas figuras imprescindibles para entender a arte contemporánea española”, Esther Ferrer e Concha Jérez, dúas artistas recoñecidas co Premio Nacional de Artes Plásticas e o Premio Nacional de Artes Visuales, respectivamente.

“A memoria é sempre un acto creativo”

Profesor do Departamento de Arte e Historia da Arte do Saint Mary´s College, Freund realiza nestes meses unha estadía na Universidade de Barcelona, á vez que desenvolve no Macba unha investigación para o seu novo proxecto artístico e exerce como artista residente no Werner Thöni Artspace desta cidade. Co vídeo e a fotografía conceptual como eixos da súa produción artística, que ao longo dos últimos vinte anos ten achegado a exposicións e festivais de numerosos países, Freund centrou a súa conferencia nunha “práctica artística cunha longa tradición, que se remonta á década de 1920”, o chamado détournement. “Interésame porque é unha vía para pensar desde a creatividade no que xa existe”, sinalou Freund do eixo dun relatorio no que achegou ao alumnado diferentes exemplos de como a “reconstrución e recontextualización” de imaxes “en moitos casos moi recoñecibles” contribúen a “producir ideas diferentes e críticas”, a promover unha reflexión sobre como “as prácticas de determinadas institucións, culturais, sociais, económicas ou políticas, gobernan a nosa vida diaria”.

Trátase “dunha vía de intervención nesta sociedade diferente á da construción, á da produción de novas imaxes”, engadiu Freund, que completou a súa presentación de diferentes exemplos coa proxección dunha das pezas inseridas na exposición Iran | Usa +other nororientable sufraces, que o pasado ano presentaba no Sanit Mary´s College Museum of Art de Moraga (California). Concretamente, Freund exhibiu un vídeo no que xuntaba unha serie de imaxes da retransmisión realizada dunha audiencia realizada polo senador estadounidense Joseph McCarthy en 1954 cunha locución en persa. A través desta “superposición ficcional”, cunha estrutura semellante ao do documental, Freund buscaba promover unha reflexión sobre a “memoria dun momento concreto”, xa que engadiu "a memoria é sempre un acto creativo", tomando como punto de partida neste caso en concreto o ano 1953, no que o goberno estadounidense “orquestrou o desmantelamento dun goberno democrático” en Irán.

Dúas referentes da arte contemporánea

O debate arredor da arte contemporánea e máis concretamente, sobre a arte de acción, terá continuidade o vindeiro mércores ás 12.00 horas na sede da Vicerreitoría do campus con Conversas arredor da performance, un coloquio aberto á toda a cidadanía no que Tejo conducirá “unha reflexión sobre a arte de acción” con dúas artistas cuxa “influencia é moi importante para artistas de xeracións posteriores”, Concha Jérez e Esther Ferrer. Trátase, sinala, dun foro que nace co obxectivo de converterse nun ciclo con continuidade anual no que, a través de coloquios con artistas ou críticos especializados, promova unha reflexión sobre diferentes temáticas relacionadas coa arte de acción.

Definidas ambas por ser “traballadoras incansables e artistas multidisciplinares”, cuxa obra abrangue ámbitos como a instalación, a escultura ou a fotografía, ademais da propia performance, Ferrer e Jérez foron recoñecidas cos premios nacionais de Artes Plásticas e Artes Visuais. Natural de San Sebastián, Esther Ferrer foi unha das impulsoras, na década de 1960, do grupo ZAJ, inciando na década de 1970 a súa actividade plástica. En 1999 foi unha das artistas que repersentou a España na Bienal de Venecia, e ao longo da súa traxectoria ten exposto o seu traballo no museo Reina Sofía de Madrid, no Centro Cultural G. Pompidou de París ou no Museo de Belas Artes de Río de Janeiro. Ademais de co premio nacional, a traxectoria de Ferrer foi recoñecida tamén co Premio Gure Artea do Goberno Vasco, o premio MAV (Mujeres en las artes visuales), o premio Velázquez ou o Marie Claire por l’Art Contemporaine .

Medalla de Ouro ao Mérito ás Belas Artes no 2011 e premio MAV no 2012, a traxectoria arística de Concha Jerez remóntase tamén á decada de 1970, protagonizando desde entón exposicións en preto de 20 países. As instalacións site specific en espazos de grande envergadura e a performance constitúen dous dos ámbitos de traballo desta artista, “moi importante da deriva da arte sonora en España”, como lembra Tejo e, que desde 1989 combina a súa creación artística individual coa colaboración que desenvolve co compositor e artista sonoro José Iges, á vez que foi tamén profesora da Universidad de Salamanca.