DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A estudante Ana Moas é unha das finalistas do concurso 'Versus', do Club de Creativos

Cando o premio é aprender de “xenios da publicidade”

Durante estas semanas, realiza un percorrido por diferentes axencias en Madrid

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 13/10/2016

Coñecer por dentro o funcionamento diario dalgunhas das axencias de publicidade máis importantes de España. Isto é o que achega á estudante da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Ana Moas a súa selección como finalista no concurso Versus, promovido polo Club de Creativos (c de c). Nun certame no que se inscribiron máis de 200 estudantes de facultades e escolas de toda España, Moas foi unha das 29 seleccionadas para participar no Tour c de c, un programa que, ao longo destes meses, leva a esta alumna a desenvolver unha serie de proxectos publicitarios en seis axencias de Madrid, e que se completará posteriormente cunha estadía en prácticas nunha destas empresas.

“Está a ser unha grande experiencia, tanto persoal como, sobre todo, profesional”, salienta esta alumna de Publicidade e RRPP do percorrido que vén de iniciar polas axencias FCB, China, McCann, Leo Burnettt, Kitchen e Social Noise. “En todas elas traballan xenios da publicidade e imos ter a oportunidade de que nos orienten, de que nos ensinen o traballo do día a día no mundo da creatividade”, salienta dunha iniciativa na que, agrupados por parellas, os 29 finalistas manteñen reunións semanais cos responsables de seis das empresas participantes, que lles achegan un briefing co que traballar e presentar unha proposta publicitaria pola que recibirán unha puntuación.

Unha campaña sen tabús

Como explica Moas, o Club de Creativos ofrece cada ano ao profesorado que imparte materias de creatividade publicitaria a posibilidade de seleccionar dez alumnos para inscribilos nesta iniciativa. No seu caso, foi a docente de CCSS e da Comunicación Montse Vázquez a que lle brindou a oportunidade de participar neste concurso, no que a selección de finalistas por un xurado integrado por 25 profesionais do sector, de entre os 92 proxectos finalmente presentados, partiu dunha proposta común para todos os participantes, a de deseñar unha campaña de comunicación dixital para Communities for Development, destinada a recadar fondos para un proxecto que mellorase a hixiene feminina en zonas rurais de Uganda.

“A verdade é o briefing gustoume moito. pareceume moi interesante, aínda que tamén difícil”, recoñece Moas, que se converteu nunha das finalistas de Versus grazas a unha proposta á que deu o nome de La regla sin tabúes, “un concepto simple” co que quería pór de relevo “que algo tan básico para a saúde” como o a información sobre hixiene feminina “segue sendo tabú en moitos lugares”. A partires desa idea, Moas presentou a proposta dunha plataforma web chamada El calcetín rojo, na que se comercializarían calcetíns vermellos, con esa idea de que servise tanto para recadar fondos, como para ofrecer información.

Un concurso, varios premios

O percorrido que a finais de setembro iniciou en FCB permite a Moas coñecer de primeira man o día a día de “axencias que traballan con grandes contas, que nos dan briefings reais para solucionar problemas reais dos seus clientes”. Nese senso, salienta que aínda que neste Tour c de c, que o Club de Creativos vén desenvolvendo desde 2001, non implica acudir diariamente ás empresas, si obriga a unha “rutina de traballo”, na que a proposta que lles achega cada axencia neste concurso, da lugar a xuntanzas para resolver dúbidas ou presentar unha batería de ideas antes de entregar a súa proposta final.

Segundo a orde de puntuación acadada nesta segunda fase, que se desenvolve de xeito simultáneo en direrentes axencias de Madrid e Barcelona, os e as finalistas poderán escoller a axencia onde realizar prácticas durante dous meses, premio co que contarán todos os seleccionados e seleccionadas para estra fase. Así mesmo, os finalistas pasan tamén a formar parte de La Cantera de c de c, onde un equipo de directores creativos axuda a este grupo de estudantes na confección dunha carpeta de traballos cos proxectos que desenvolven neste tour e lles preparará tamén, explica Moas, “para presentarnos ao Anuario da Creatividade e poder optar á última fase da competición”, que o Club de Creativos desenvolverá en 2017 en San Sebastián.