DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A biblioteca do campus acolle unha mostra centrada neste tema

As Cantigas de Santa María, “un exemplo pioneiro” de banda deseñada

No marco da programación de 'Português Perto. Aquelas nossas músicas'

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
DUVI 19/03/2018

O pasado 12 de marzo o campus de Ourense volveu a abrir as súas portas para homenaxear e difundir a cultura lusófona coa celebración de Português Perto. Aquelas nossas músicas. Entre as novidades da programación deste ano está unha exposición sobre as Cantigas de Santa María e a súa relación co xénero da banda deseñada que ata o día 23 de marzo se pode ver na entrada da Biblioteca Rosalía de Castro. Nela, os usuarios e usuarias do centro poden coñecer similitudes entre a novena arte e a obra de Afonso X O Sabio.

A mostra, titulada As Cantigas de Santa María. Arte BDieval, está promovida pola Asociación Cultural BDBanda coa colaboración da Associaçom Galega da Língua Agal, estando editada en portugués. Segundo explican os seus promotores a exposición “ofrece unha aproximación inédita a estas cantigas explorando a súa vinculación coa banda deseñada” e nela analízase non só a importancia desta obra desde o punto de vista musical e literaria como “obra cimeira da literatura galego-portuguesa medieval” senón tamén como “un exemplo pioneiro da novena arte”. Nesta iniciativa, sinalan os seus responsables, “a partir do traballo pioneiro de Breixo Harguindey, a Associação BD Banda elaborou unha exposición didáctica en dez paneis mediante os que se pode coñecer o contexto histórico e lingüístico da obra, a idea das cantigas como un espectáculo multimedia (música, poesía e narración gráfica) e, de xeito especial, os avanzados recursos narrativos que se empregaban xa nunha época tan temperá”.

Buscando os paralelismo

A través dos paneis que conforman As Cantigas de Santa María. Arte BDieval, sinalan desde BDBanda, analízase de xeito didáctico algúns dos recursos propios da novena arte que se poden atopar nesta obra de Afonso X, como a composición de páxina, a representación do tempo e a integración de texto e debuxo. Ademais, engaden, a mostra achega información de contexto sobre cuestións como a historia, a lingua ou a elaboración dos códices medievais. Deste xeito, algúns dos temas que se abordan nos paneis son os trobadores e os códices medievais; a lingua galego-portuguesa na Idade Media; os planos, o estilo e o texto nas cantigas; a análise narrativa de varias cantigas en relación con aspectos da banda deseñada ou a banda deseñada sobre o período das cantigas.

A exposición fai parada no campus de Ourense no seu percorrido por centros de ensino, xa que está especialmente orientada para alumnado de últimos cursos de Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, ofrecéndose aos centros acompañada dunha guía didáctica na que se propoñen múltiples actividades a partir das cantigas, “animando a comprendelas como un proxecto multimedia que se pode abordar desde materias como a literatura, a historia, a música ou a arte”. A posta en marcha desta iniciativa, indican por último, faise nun contexto no que a banda deseñada está a vivir “un auxe do seu recoñecemento como parte lexítima da cultura internacional”, contando Galicia “cunha destacada formada de autores” nesta “arte autónoma con máis de cen anos de vida e abondosos precedentes”, neste caso precedentes medievais.