DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inicio das clases do ano académico 2007-2008

Caras novas e vellos coñecidos no comezo do curso

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI DUVI 25/09/2007

Caras novas que se incorporan á vida universitaria e reencontros entre compañeiros despois do verán. O primeiro día de clase coincidiu tamén coa entrada do outono, que acompañou a volta da vida aos tres campus da Universidade de Vigo.
Andrés Barros, Manuel Expósito e Cristina Bargés, de Vigo, Monforte de Lemos e Arcade, comezan a súa andaina na ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación. No caso de Manuel comenta que a elixiu porque sempre lle gustou e “pensar no gran número de saídas profesionais fai que me guste e me anime máis”. Para Andrés, “ademais das saídas profesionais, está o tema das matemáticas. Encántame esta materia e nesta titulación ten un peso moi forte”. O caso de Cristina é moito máis particular, “ata o último intre estiven meditando a posibilidade de facer Tradución e Interpretación, pero finalmente optei pola opción máis técnica”.
Pisos compartidos e residencias familiares, é o que máis se escoita en canto ao lugar onde van vivir os novos estudantes. Alberto García, de Nigrán, e Iván Portela de Bueu, vivirán na vivenda familiar, se ben Portela comenta que “unha vez que xa coñeza xente aquí e estea un pouco máis asentado igual cambio e paso a algún piso”. Iván Núñez, de Monforte, comeza xa en piso compartido, “vou vivir cun rapaz de Tradución e unha moza que estuda Detective Privado ”.
No campus de Ourense as opinións sobre o regreso ás clases estiveron repartidas entre os novatos e os veteranos.
“Estivo moi ben, estou coñecendo a xente nova, pero tamén estou moi perdido porque todo é novo, os profesores, os horarios, as materias... e, sobre todo, o ambiente de liberdade que hai. É moi diferente ao instituto”. Isto é que o respondeu Marcos Álvarez, un rapaz que aos 19 anos comeza Ciencias da Educación.
En cambio, para os que se atopan en cursos superiores, a ilusión non foi tan tanxible. “Tiña un pouco de ganas por ver ao grupo de amigos, pero unha vez que xa nos vemos... É que estamos co síndrome posvacacional e hai que ir pouco a pouco”, comentou a estudante de 2º de Educación Especial, Alba Pérez.
O certo é que, con ganas ou sen elas, o curso comezou coas tradicionais presentacións, as quintas no caso da estudante de 5º de Empresariais, Lara Rodríguez. “Bufff...Volvemos con poucas ganas, pero é que xa son cinco anos e agora xa penso unicamente en rematar; ademais como xa fomos vendo á xente nos exames de setembro, a ilusión non é a mesma”.
O mesmo opinaba a súa compañeira, Tania Vázquez, quen transmitiu o seu único desexo para este curso. “Que sexa o último e que sexa máis sinxelo que o anterior”.
Nestes días tamén se suceden as recepcións aos novos estudantes en varias escolas e facultades. A ETSE de Telecomunicación e a EU de Forestais acolleron tamén un acto de benvida aos alumnos do primeiro curso.

Organización académica

Antes do remate deste primeiro cuadrimestre, que agora comeza, resolverase o nomeamento do novo equipo da xerencia da Universidade. No campus de Ourense, o curso comeza contando por primeira vez cunha vicexerente. Beatriz Cuíña acaba de sumarse ao equipo liderado polo vicerreitor, Juan Francisco Gálvez. A súa misión, tal e como se sinalaba no programa electoral do Reitor, será a de xestionar o proceso de descentralización administrativa. Un cometido que, segundo as súas verbas, recibe “con moita ilusión e moitas ganas”.
Ao igual que no campus de Ourense, Pontevedra ten previsto a incorporación da figura dun vicexerente que tamén se pechará antes do remate do ano.
Por outra banda, a Escola Universitaria de Fisioterapia conta, dende hai tan só unha semana, con Manuel Gutiérrez, quen asume a dirección do centro tomando así, o relevo de Gustavo Rodríguez. Nesta mesma data tamén lle tocaba elixir equipo directivo á EU de Estudos Empresariais. Se ben, ao non presentarse ningunha candidatura continuará un ano máis, en funcións, o actual director Patricio Sánchez Bello.

Docencia

O curso 2007-2008 comeza na Universidade de Vigo pendente dos tres últimos prazos de matrícula. O vindeiro 17 de outubro abrirase o quinto prazo e o derradeiro prazo pecharase o 2 de novembro.
O que si está pechado é o número de profesores, que para este curso é de 1531, 335 no campus de Ourense, 266 no de Pontevedra e 930 en Vigo. Outra das apostas do equipo de goberno vai dirixida a rexuvenecer a plantilla estable de doutores mediante a incorporación de investigadores en programas de calidade promovidos polo Estado e a Xunta como o Ramón y Cajal ou Parga Pondal.
No que se refire á docencia, o curso arranca coa vista posta na adaptación ao novo Espazo Europeo de Educación Superior. Ao tempo que continúan os cursos piloto concretarase tamén a elaboración dos novos planos de estudo para os graos. Pero a principal aposta da Universidade a prol da adaptación á normativa de Boloña son os posgraos. Cunha ampla oferta dentro xa do novo marco europeo, neste días realizáronse as presentacións oficiais de programas como o de Enerxía e Sustentabilidade ou de Prevención de Riscos Laborais.

O curso comeza con importantes novidades no eido das infraestruturas