A compañía foi seleccionada para participar na Mostra Amador 'Terras do Orcellón'
O Carballiño gozará co ‘Soño dunha noite de verán’ da Aula de Teatro do Campus de Vigo
Este sábado no auditorio Manuel María
O verán regresará temporalmente esta fin de semana ao Carballiño co gallo da representación que da obra Soño dunha noite de verán de William Shakespeare realizará a Aula de Teatro do Campus de Vigo. A compañía viguesa foi seleccionada para participar na XVII Mostra de Teatro Amador 'Terras do Orcellón' na que se dan cita, desde o 5 de outubro e ata o 17 de novembro, nove compañías de teatro afeccionado que representarán as súas obras no Auditorio Manuel María.
O sábado 12 de outubro será o momento no que as e os integrantes da Aula de Teatro do Campus de Vigo saian ao escenario para representar O soño dunha noite de verán, que o pasado mes de abril presentaron no teatro Vidal Bolaño do campus de Vigo co gallo da XXVI edición da Miteu.
O Shakespeare máis alegre e desenfadado
Con dirección de Casilda Alfaro e Sonia Rúa e escenografía de Ningures, as actores e actrices da Aula de Teatro do Campus de Vigo farán soñar ao público coa comedia máis alegre e desenfadada de Shakespeare, na que a mitoloxía, o amor, as bromas e a poesía conviven nunha noite de San Xoán na que todo é posible.
A representación comezará ás 20.00 horas.