Nunha xornada organizada pola Unidade de Igualdade celebrada hoxe martes no edificio Miralles
Cargos de responsabilidade da UVigo fórmanse na prevención da desigualdade e das violencias machistas
Participaron unha vintena de representantes de vicexerencias, vicerreitorías e direccións de área
A universidade é un espazo igualitario formalmente, mais no que se manteñen algúns elementos de desigualdade de trato e de oportunidades que provocan fendas de xénero que afectan ao desenvolvemento profesional e académico das mulleres e á convivencia universitaria. Para poñer o foco nestas fendas e tamén nas medidas para eliminalas, a Unidade de Igualdade organizou este martes unha xornada formativa para postos de responsabilidade da UVigo.
María López, pedagoga e experta en xénero, foi a encargada de impartir as tres horas de docencia do curso a máis dunha vintena de directoras e directores de área, vicexerentes e vicexerentas e outras persoas con postos de responsabilidade na institución. Os obxectivos eran aprender a recoñecer cal é a orixe do acoso, que é e que características ten, diferenciar tipos de acoso, identificar condutas constitutivas de acoso e de agresión sexual e coñecer ferramentas para previr e actuar ante o acoso dentro e fóra do ámbito laboral.
Como destacaba na apertura da xornada a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez “o que queremos é transversalizar esta mirada de xénero e de prevención das violencias machistas en toda a institución” e explicou que esta actividade, que está financiada polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, é unha experiencia piloto, igual que as formacións que se están impartindo en liña cada dous meses con contidos similares, e que a idea é que se poida volver repetir o vindeiro curso.
Desigualdade e violencias de xénero
A docente comezou a formación tratando de responder á pregunta de si a Universidade é realmente un espazo igualitario e libre de violencias machistas. Segundo explicou “son moitos os indicadores e estudos que demostran que as institucións de educación superior non son espazos igualitarios nin libres as violencias machistas. “Segundo os datos do Observatorio da Igualdade da propia UVigo correspondente ao 2022 e a información ofrecida polo Portal de Transparencia, persiste unha segregación horizontal e outra vertical. Sobre a horizontal, López salientou que só o 23% do alumnado no ámbito da enxeñaría son mulleres e, do mesmo xeito, só o 22% do estudantado do eido científico son homes. Entre as principais causas dese desequilibrio horizontal, López apuntou a unha orixe que ten que ver co proceso de socialización diferencial de xénero. “Se como muller a sociedade me indica que me é propio, que se meda mellor e cales son as miñas características en base ao meu sexo e xénero, acabe crendo que a miña vocación é ser profesora, enfermeira, etc.”
Respecto da segregación vertical, moi relacionada co teito de cristal, lembrou que “aínda que teñamos proxeccións profesionais similares, hai un momento na vida no que esa proxección cambia, fréase e faino pola maternidade, polas cargas de coidados, etc.” Exemplo disto é o feito de que do total de persoas catedráticas na UVigo, 176 son homes e só 75 son mulleres.
Esta segregación vertical garda moita relación coa fenda de coidados e a fenda salarial de xénero. En relación á fenda de coidados, subliñou que afecta ás mulleres con independencia do seu cargo e da súa profesión, “é algo que vén aferrado á tradición, á cultura, que temos instaurado como unha responsabilidade das mulleres”. Apuntou, como exemplo, que a totalidade do PDI da UVigo que dispón dunha redución de xornada por coidado de menores de 12 anos son mulleres e no caso do PTXAS, son o 80%.
Respecto da fenda salarial de xénero, María López recoñecía que “parece algo superado, dáse por feito que homes e mulleres en España a iguales condicións cobran o mesmo, e de entrada é así, pero hai outros condicionantes, porque a estrutura de desigualdade atopa constantemente ferramentas para manterse, por exemplo, cos complementos salariais”. Os datos que se recollen para o PDI da UVigo mostran que “a fenda salarial de xénero sitúase por riba da media estatal, nun 21,5% e reflicte un maior desequilibrio respecto do resto de universidades”. Segundo explicou a experta, esta fenda depende, entre outros factores, da temporalidade dos contratos, do tipo de actividade que se leva a cabo ou dos complementos de responsabilidade e categoría.
Tras debullar todos estes aspectos que non fan máis que perpetuar as desigualdade nunha institución que, a priori, pode semellar igualitaria, María López pasou a detallar as orixes das violencias machistas, poñendo o foco precisamente na desigualdade. A xornada tamén permitiu ás e aos asistentes achegarse ás distintas tipoloxías das violencias machistas e as súas diversas consecuencias e a deliñar propostas e actuacións para facer da Universidade un espazo realmente seguro e igualitario no que non se produzan as violencias machistas. O xornada rematou coa resolución dunha serie de supostos prácticos.