Nunha conferencia dirixida a alumnado universitario e preuniversitario
Carlos García Galán explica no campus de Ourense o programa da base lunar da Nasa
O enxeñeiro malagueño é o director executivo desta iniciativa
Este mércores pola tarde o enxeñeiro malagueño Carlos García Galán, director executivo do programa da base lunar da Nasa, que permitirá a exploración lunar sostible e sentará as bases para as misións a Marte, ofreceu unha conferencia no campus de Ourense. A súa intervención, dirixida a alumnado universitario e non universitario, foi organizada por Feuga, a Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática. Nela falou da exploración lunar e do papel da innovación tecnolóxica e a colaboración internacional no futuro das misións espaciais.
O enxeñeiro de Málaga Carlos García Galán posúe unha longa traxectoria na Nasa. O seu nomeamento como program executive da futura base lunar, sitúao no centro dun proxecto clave para as aspiracións da humanidade na colonización do espazo. O relator xa exercía como subdirector do programa Gateway, que a Nasa decidiu paralizar para reorientar os seus recursos e presuposto á construción dunha base permanente no solo lunar. O enxeñeiro tamén ocupa funcións salientables vinculadas ao Módulo de Servizo Europeo, o sistema que fornece auga, osíxeno e enerxía á nave Orion, clave dentro do programa Artemis.
Á conferencia, explican desde a súa organización, asistiron non só estudantes do campus de Ourense senón tamén alumnado das outras universidades públicas galegas, Santiago de Compostela e A Coruña, e alumnado e profesorado de institutos da cidade, que quixeron coñecer de primeira man cal é o futuro da exploración espacial. Carlos García Galán amosou a súa satisfacción por ofrecer esta conferencia ao alumnado salientando a importancia de inspirar a rapaces e rapazas para que persigan aquelo que lles gusta e animounos a seguir os seus soños profesionais paso a paso. A xente, explicou, soe pensar en primeira instancia que para traballar na Nasa hai que ser enxeñeiro o astronauta, pero en realidade, indicou, nela precísase un amplo abano de profesionais, desde os que traballan na parte do hardware, software ata os que deseñan os traxes ou a comida dos astronautas. Así lembrou o caráter integrador e multidisciplinar dos seus proxectos.
O convidado salientou ademais que hoxe en día non fai falta estar na Nasa para traballar en grandes proxectos espaciais e que a colaboración internacional permite que se poida traballar neles desde a Axencia Espacial Europea e desde empresas e axencias espaciais de moitos países. Ao finalizar a conferencia e a sesión de preguntas, Carlos García Galán fixo entrega á Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus dunha fotografía da Terra tomada dende a Misión Artemis II dedicada por el en agradecemento polo seu apoio á misión da Nasa.
