DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático da UVigo recibirá o galardón da RACG no acto do Día da Ciencia o 8 de outubro

Carlos Hervés, medalla Domingo García-Sabell Rivas da Real Academia Galega de Ciencias 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Premios
  • Investigación
DUVI 29/09/2021

“Se algún mérito puidera ter realmente, ese será o dunha longa traxectoria como docente e como investigador”, asegura Carlos Hervés Beloso, catedrático da UVigo, que o vindeiro 8 de outubro recibirá a medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais da Real Academia Galega de Ciencias. A RAGC deu hoxe a coñecer a relación de científicos e científicas premiados coas Medallas de Investigación 2021, coas que a institución distingue traxectorias senlleiras desenvoltas en Galicia, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas para tratar de difundir á sociedade o aprecio polos valores científicos.

Xunto ao catedrático e director do centro Ecobas (Economics and Business Administration for Society) da UVigo, Carlos Hervés, o 8 de outubro recibirán cadanseu recoñecemento: Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC (Medalla Ánxeles Alvariño da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde); Luis Castedo Ribas, catedrático da UDC (Medalla Isidro Parga Pondal da sección de Ciencias Técnicas); Manuel Eulogio Ladra González, catedrático de Álxebra na USC (Medalla Enrique Vidal Abascal da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación) e María Antonia Señarís Rodríguez, catedrática de Química Inorgánica da UDC (Medalla Antonio Casares Rodríguez, da sección de Química e Xeoloxía). A entrega das medallas terá lugar no Colexio de Fonseca, nun acto no que se homenaxeará como Científica galega do ano a figura de Jimena Fernández de la Vega, pioneira da xenética médica en España. 

Un docente e investigador orgulloso dos seus discípulos 

Nado en Marín no ano 1953, Carlos Hervés Beloso licenciouse en 1975 en Ciencias Matemáticas na USC, con premio extraordinario. Completou estudos de doutoramento na Universidade de Nancy (Francia) e tras cursar estudos posdoutorais no Trinity College e University College Dublin (1979-1980), incorporouse ao Colegio Universitario de Vigo, onde se interesou polos traballos de G. Debreu (Premio Nobel de Economía en 1984). Invitado por Andreu Mas-Colell como visiting scholar no Departamento de Economía da Universidade de Harvard, seguiu o curso de doutoramento en microeconomía (1989). Hervés foi catedrático en comisión de servizos na Universidad Carlos III para, a continuación, regresar á UVigo. 

“Tiven a sorte de gozar do meu labor como profesor, porque nunca deixei de aprender”, asegura o catedrático, que afirma sentirse “especialmente orgulloso dos meus discípulos, de aqueles que iniciaron a súa carreira investigadora cunha tese de doutoramento que no seu momento dirixín, que pronto se converteron mis coautores e que, hoxe en día, teñen unha carreira de éxito”, explica o director de Ecobas. 

En canto ás súas publicacións, desde 1988, os seus traballos céntranse na teoría económica e foron recollidos en revistas como Economic Letters, Journal of Economic Theory, Games and Economic Behavior, Journal of Economics, Economic Theory, Journal of Mathematical Economics, etc. Hervés dirixiu unha ducia de teses de doutoramento e participou en tribunais en España, Francia, Portugal, Italia, Alemaña e Reino Unido, e en 2011 foi nomeado Fellow da Society for Advancement of Economic Theory e en 2012 membro de honra da Sociedad Española de Economía. Ademais de dirixir Ecobas, é coordinador do grupo de investigación RGEAF (Research Group in Economic Analysis, Accounting and Finance).