DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun coloquio que terá lugar o vindeiro luns ás 19.30 horas

Carlos Núñez afondará na Vicerreitoría nas relacións entre a muiñeira e o trap

Falará tamén da publicación na que transcribe o repertorio do gaiteiro Ricardo Portela

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 10/12/2021

De Ricardo Portela ao trap. Este é o título do faladoiro que Carlos Nuñez protagonizará o vindeiro luns na sede da Vicerreitoría do campus. Aproveitando o paso por Pontevedra da xira de celebración do 25 aniversario do seu primeiro disco, A Irmandade das Estrelas, a Casa das Campás acollerá o vindeiro luns ás 19.30 horas un coloquio, no que, entre outras cuestións, falará do libro De gaiteiro a gaiteiro, que o Consello da Cultura Galega publicou co gallo do centenario do nacemento do gaiteiro Ricardo Portela, con transcricións do seu repertorio e o estudo que Carlos Núñez realizou da obra “do mestre que tanto o influíu”, como sinalan desde a organización. Outro dos focos do coloquio será o documental Por que o trap contén ritmo de muiñeira? Músicas de moda, universais e de noso, que o artista realizou ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022, da Xunta de Galicia.

Presentando en 2020 polo Consello da Cultura Galega, coincidindo co centenario do nacemento de Ricardo Portela, o libro De gaiteiro a gaiteiro será un dos eixos deste coloquio, con entrada libre ata completar aforo. Resultado dunha encomenda que Portela trasladou a Núñez pouco antes de morrer, esta publicación recolle, ademais de información biográfica sobre o gaiteiro de Viascón, a análise pormenorizada que Núñez realizou das claves do seu estilo e técnica interpretativa, así como as transcricións do seu repertorio, conformado por pezas tradicionais, dando como resultado un extenso corpus de máis de 40 obras, entre as que se atopan todas as melodías emblemáticas da gaita galega.

Xunto a esta publicación, outro dos eixos do faladoiro será o documental que Núñez vén de rematar sobre a relación entre a muiñeira e o trap, no que entrevista a musicólogos e lingüistas, como a profesora da Universidade de Vigo Rosalía Rodríguez Vázquez, así como outra serie de artistas que están a conectar as músicas tradicionais galegas coas urbanas, como Tanxugueiras ou Boyanka Kostova. Este dúo, lembran desde a organización, “mesmo recreou a muiñeira de Cabana, ao igual que Verto fixo o propio coa de Chantada”, dúas pezas presentes de feito no repertorio de Ricardo Portela e recollidas no libro que constitúe o segundo eixo deste coloquio con Núñez, quen, por outra banda, musicaba recentemente unha muiñeira que lle regalara hai 25 anos o poeta Uxío Novoneira coa colaboración de músicos como C Tangana, Danni Ble, Royce Rolo e Iaghost.