DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na inauguración da II Xornada “Deporte e Muller: crecendo dende a Igualdade”

Carme Adán denuncia que a desigualdade tamén afecta á muller no ámbito do deporte

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Ana Terceiro DUVI 23/11/2007

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acollerá ata o vindeiro 1 de decembro a II Xornada Deporte e Muller: crecendo dende a igualdade, para a posta en común da situación que vive a muller no mundo do deporte, non só en Galicia, senón máis alá das nosas fronteiras. Esta actividade conta coa participación de mulleres do ámbito universitario, deportistas, adestradoras, árbitros, xornalistas, e de outros eidos nos que a presenza da man feminina cada vez é máis notable.
“Hoxe atopámonos con que as mulleres teñen moitas dificultades para entrar nas empresas, para promocionarse, para poder facer un uso democrático dos tempos,... afortunadamente xa se teñen dado moitos pasos pero hai que acabar de mudar esa realidade desigual que se ve claramente plasmada na práctica do deporte”, explicou a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán na inauguración das xornadas. “Desde a secretaría xeral temos o compromiso de facer un cambio, facendo visible, con estas sesións, a desigualdade coa que vivimos”, engadiu Adán.

A presentación das xornadas, que tivo lugar en Ciencias da Educación, correu a cargo da secretaria xeral de Igualdade, a delegada da Consellería de Cultura e Deporte na provincia de Pontevedra, Mª Xesús López Escudeiro e o decano da facultade, José Mª Cancela. Todos eles remarcaron a importante labor das mulleres na sociedade e a necesidade de continuar favorecendo a súa integración no mercado laboral e máis aínda no sector deportivo.

Conferencias e debates

Ao longo destas xornadas, os relatorios intercalaranse con debates e presentacións de traballos e iniciativas sobre a muller e o deporte. Na conferencia inaugural sobre A muller nos órganos de representación deportivos, a directora do seminario Muller e Deporte de Madrid, Élida Alfaro, mostrou o seu punto de vista sobre o liderazgo das mulleres na xestión deportiva.
Ademais da Universidade de Vigo, nesta actividade colabora a da Coruña, acollendo de xeito simultáneo estas sesións nas súas instalacións. No caso da universidade veciña, abriron as xornadas as delegadas de Cultura e Deporte e de Vicepresidencia, Milagros Lantes e Tareixa Novo, respectivamente.