DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A intérprete e investigadora achegou ás persoas asistentes pezas musicais da tradición oral

Carme López sube o pano do Festival Sinsal SON na sala semianecóica da EE de Telecomunicación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 24/07/2026

Laboratorio centrado no seu día a día na análise de sinais acústicos, a sala semianecóica da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo abriu este venres as súas portas á interprete e investigadora Carme López nun dos dous concertos inaugurais do Festival Sinsal SON 2026, que a partir desta tarde se traslada á illa de San Simón.

Julio Gómez, codirector do Festival, foi o encargado de presentar a Carme López ao tempo que agradeceu ao docente e investigador do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións Antonio Pena a súa colaboración e a doutros membros da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación co certame desde hai anos, permitindo a celebración de actuacións musicais da sala semianecóica.

Nos dous pases que ofreceu, Carme López achegou ás persoas asistentes reintepretacións de pezas musicais da tradición oral recompiladas, por exemplo, na parroquia de Moscoso, no concello de Pazos de Borbén, e conservadas grazas a mulleres como as irmás Aida e Rosa Garrido e que a música de O Íncio incluíra no seu traballo Vinde todas.   

Tras os concertos de Carme López e os que Mateo Mena ofreceu no planetario do Instituto Marítimo Pesqueiro, o festival pon rumbo á illa de San Simón onde desde hoxe e ata o domingo o público poderá gozar un ano máis dunha experiencia musical a cegas con bandas, solistas e selectores de Galicia, Alemaña, Colombia, Inglaterra, Mali, Portugal ou Xapón.