Foi vicexerenta de Persoal na UVigo entre 2008 e 2010
Carmen García Mateo nomeará a Ana María Comesaña xerenta da Universidade de Vigo
A reitora electa destaca “a súa capacidade de negociación e experiencia na xestión”
A reitora electa da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, nomeará a Ana María Comesaña Álvarez xerenta da institución académica viguesa, á que Comesaña regresará, logo de ocupar entre os anos 2008 e 2010 o cargo de vicexerenta de Persoal, con responsabilidade sobre políticas de persoal, negociación colectiva e xestión de PDI e PTXAS. Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, Comesaña conta con formación especializada en xestión universitaria e dirección sanitaria e 30 anos de experiencia en dirección de recursos humanos, relacións laborais e organización de grandes institucións públicas.
“A súa experiencia na xestión de organizacións complexas, a súa capacidade de negociación e o seu coñecemento da universidade pública”, son os elementos clave que Carmen García Mateo destaca da nova xerenta “para afrontar a nova etapa de fortalecemento organizativo e modernización da Universidade de Vigo”, sinala a reitora electa.
A viguesa Ana Comesaña ocupa na actualidade a Subdirección Xeral de Relacións Laborais e Actuacións Xurídicas do Servicio Madrileño de Salud, tras desempeñar responsabilidades como directora xeral de Recursos Humanos do Sergas e subdirectora de Recursos Humanos do Servicio Canario de Salud. Ao longo da súa traxectoria liderou procesos de negociación colectiva, acordos de carreira profesional, estabilización de emprego, planificación de cadros de persoal e proxectos de modernización e dixitalización da xestión de persoal en organizacións con decenas de miles de profesionais.
Unha traxectoria vinculada a servizos de saúde autonómicos
Comesaña iniciou a súa traxectoria profesional no Sergas como Subdirectora Xeral de Políticas de Persoal, para incorporarse en 2008 á Vicexerencia de Persoal da UVigo, que deixaría en 2010 para regresar ao Servizo Galego de Saúde, onde permaneceu ata 2024, momento no que exercía como directora xeral de Recursos Humanos. Tras un ano como subdirectora de Recursos Humanos no Servicio Canario de Salud, incorporouse en xullo de 2025 ao Servicio Madrileño de Salud como subdirectora xeral de Relacións Laborais e Actuacións Xurídicas, cargo que ocupa na actualidade.
O nomeamento de Ana María Comesaña, segundo a reitora electa “forma parte da aposta do novo equipo reitoral por reforzar a planificación, a capacidade organizativa e a profesionalización da xestión universitaria nun contexto marcado por importantes retos en materia de recursos humanos, organización administrativa e modernización institucional”.
