As candidatas á Reitoría pasan á segunda volta da que queda fóra Jacobo Porteiro
Carmen García Mateo ou Belén Rubio: a primeira reitora da UVigo decidirase o 15 de maio
Nós Universidade acadou 1763 votos válidos emitidos, fronte aos 1490 de H2040
A Universidade de Vigo será dirixida por unha muller durante os seis próximos anos, non obstante, saber se será Carmen García Mateo ou Belén Rubio non será posible ata que o 15 de maio se celebre a segunda volta dun proceso electoral á Reitoría que este mércores deixou fóra a Jacobo Porteiro e no que ningunha das dúas candidatas acadou a maioría suficiente para converterse en reitora.
Nunha primeira volta, na que os membros da comunidade universitaria emitiron 4421 votos válidos a candidaturas, que ascenden a 4530 se se suman os 109 brancos, Carmen García Mateo con 1763 foi a candidata máis votada entre o PDI-A, o PTXAS e o alumnado; seguida de Belén Rubio con 1490 sufraxios e que foi a candidata máis respaldada polo PDI-B; e Jacobo Porteiro que sumou 1168 votos. Realizadas as ponderacións, o resultado deixa unha porcentaxe total de votos do 40,29% (1781 votos) para a candidata de Nós Universidade; 33,91% (1499 votos) para H2040 e 25,81% (1141 votos) para ConSenso.
“Como Universidade temos que darnos os parabéns e, no noso caso, estamos moi contentos tamén cos resultados conseguidos”, asegurou Carmen García Mateo, que destacou a relevancia de que o SUG vai contar con dúas reitoras. A candidata de Nós Universidade felicitou ao seu equipo e agradeceu o respaldo dunha comunidade universitaria “que claramente quere cambio”. Pola súa banda, Belén Rubio recibiu os resultados "con certa prudencia e responsabilidade" e avogou por "seguir explicando o noso modelo" aos diferentes colectivos, á vez que se dixo disposta a "tender pontes coa candidatura que quedou fóra". Mentres, Jacobo Porteiro admitiu que “cría ter un proxecto que ía contar con máis apoio da comunidade universitaria, pero non foi así, polo que o teño que asumir con humildade”. Á pregunta de si pedirá o voto para Nós Universidade ou para H2040, Porteiro respondeu que non tomará partido, “cada un debe analizar os dous proxectos e decidir o que considere mellor”.
En relación coa participación por sectores nesta primeira volta, o PDI-A acadou un 86,26%; o PTXAS un 83,22%; o PDI-B un 58,95% e o alumnado un 13,14%. A candidata de Nós Universidade, Carmen García Mateo, recibiu o apoio de 300 PDI-A, fronte aos 299 de H2040 e os 218 de ConSenso; mentres que o PDI-B respaldou con 269 votos a Rubio; con 225 a García Mateo e 173 a Porteiro. Pola súa banda, o PTXAS outorgou o seu respaldo maioritario á candidata de Nós Universidade con 358 votos; fronte aos 121 de H2040 e os 107 de ConSenso. No caso do alumnado, a candidatura de Carmen García Mateo tamén foi con 880 a máis votada, seguida da de Belén Rubio con 801 e a de Jacobo Porteiro con 107 sufraxios. En canto á participación por sectores, o PDI-A acadou nesta primeira volta un 86,26%; o PTXAS un 83,22%; o alumnado un 13,14%.
Por campus, dos 4421 votos válidos emitidos a candidaturas, 2546 rexistráronse no de Vigo; 1103 en Ourense e os 772 restantes en Pontevedra. Carmen García Mateo foi a candidata máis votada nos campus de Vigo e Pontevedra, onde acadou 1154 e 329 votos, respectivamente; mentres que Belén Rubio impúxose no de Ourense con 567 votos, fronte aos 280 da candidata de Nós Universidade e os 256 de ConSenso.
Mañá xoves daranse a coñecer os resultados provisionais da votación realizada hoxe para elixir os membros do Claustro e o venres 15 de maio terá lugar a segunda volta das eleccións á Reitoría.
Carmen García Mateo: “A comunidade universitaria claramente quere cambio”
Carmen García Mateo fixo o seguimento do escrutinio na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e, ao igual que xa fixera pola mañá, reiterou de xeito claro que hoxe “é un bo día para a Universidade de Vigo”, subliñando así a importancia de que se rexistrasen tres candidaturas e unha porcentaxe de participación tan elevada. “Como Universidade temos que darnos os parabéns e, no noso caso en particular, estamos moi contentos cos resultados conseguidos”. A maiores, as votacións deixan outra realidade, non menos importante, enriba da mesa: “Vai haber unha reitora na Universidade de Vigo e unha segunda reitora no Sistema Universitario de Galicia, dúas reitoras elixidas no mesmo ano, un cambio importante”, recalcou García Mateo.
Tras esta primeira valoración, quixo felicitar a todo o seu grupo e agradecer todos os votos da comunidade universitaria que confiaron na súa proposta, así como resaltar que os resultados amosan que “a comunidade universitaria claramente quere cambio ou, cando menos, así o consideramos nunha primeira lectura dos datos”. Na segunda volta continuarán, segundo indicou, co mesmo xeito de proceder que ata o de agora, é dicir, “falar con toda a xente, contar con todas as persoas, porque, tal como di o noso logo, todas as persoas contan, un proxecto común, un proxecto compartido”. Neste senso, confía en ser quen de acadar a maioría absoluta nos comicios do vindeiro venres 15 de maio. “Queda pouco tempo, pero imos traballar e falar con toda a comunidade universitaria”, subliñou García Mateo.
A responsable de Nós Universidade amosouse tamén moi satisfeita polo apoio maioritario acadado no sector do PTXAS. “Agradezo moitísimo todo ese apoio, o Persoal Técnico de Xestión e Administración de Servizos precisa de cambio e iso foi o que nós lle ofrecemos”, explicou a candidata, quen adiantou que, “por motivos de privacidade” de momento non fará público o nome da persoa que se fará cargo da Xerencia en caso de superar a segunda volta. “Foi a súa petición e imos respectalo como o fixemos ata o de agora”, explicou, ao que engadiu que “o importante non é a persoa que ocupe a Xerencia, senón as ideas que temos no programa para este colectivo. Esa persoa simplemente será a encargada de levar a cabo esas directrices e esas medidas que xa están claramente expostas no noso programa”.
Belén Rubio amósase disposta “a tender pontes coa candidatura que quedou fóra”
“Con certa prudencia e con responsabilidade”, acollía Belén Rubio os resultados desta xornada, que, por outra banda, permiten confirmar “que vai haber unha reitora na Universidade de Vigo, o que xa sería un logro”. De cara á segunda rolda de votacións, a candidata de H0240 destacou a necesidade de “seguir explicando o noso modelo a moitas persoas de distintos colectivos”, á vez que se amosou disposta a “tender pontes coa candidatura que quedou fóra”.
“Cremos que aínda hai xogo”, salientou Rubio, quen lembrou que “temos aínda uns días para seguir traballando”, un labor que asumirán “con enerxía e con prudencia, pero con moita ilusión e con responsabilidade”, co obxectivo de “intentar mellorar” na segunda volta o resultado acadado nesta xornada. Nomeadamente, a candidata de H2040 referiuse aos sectores de PDI-A e PTXAS. No primeiro caso, os resultados de H2040, “moi próximos” aos de Nós Universidade, lévana a sinalar que “creo que aí aínda podemos captar algunha atención”. No referido ao PTXAS, no que a diferencia da súa candidatura coa de García Mateo foi “moi acusada”, recoñeceu, sinalou que o obxectivo é tratar de trasladarlles “un proxecto máis detallado”, presentándolles “unha proposta máis concreta dunha estrutura futura”.
Previamente, puxo en valor a elevada participación rexistrada en sectores como o PDI-A e o PTXAS, á vez que se amosou “moi satisfeita co nivel de participación do estudantado”, o que “é un reflexo de que a Universidade está vida, de que hai dinamismo e democracia”. Rubio felicitou tamén a García Mateo e Porteiro “polo bo ton que tivemos durante a campaña”, incidindo nese senso en que “na Universidade estamos para dialogar e compartir ideas”, subliñando neste punto “que nós estamos dispostos a seguir sumando ideas de uns e outros”.
Jacobo Porteiro non tomará partido por ningunha candidata
A falta de coñecer os resultados finais do escrutinio, pero cando xa todo indicaba que Carmen García Mateo era a vencedora desta primeira volta, Jacobo Porteiro e o seu equipo desprazáronse á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais para felicitar á candidata de Nós Universidade. “Quero felicitar a Carmen, pois xa se ve que os resultados a van apoiar con ampla maioría, a pesar de que Belén Rubio tamén pasará á segunda volta”, salientou Porteiro, ao tempo que lle desexou a ambas as dúas candidatas a mellor das sortes, e que esta nova etapa “sexa tan limpa e tan construtiva como foi a primeira”. Así mesmo, fixo extensivo o desexo ao conxunto da Universidade, “que a decisión final que se tome o día 15 sexa a mellor para toda a Universidade”.
Ao respecto dos resultados acadados pola súa candidatura, Porteiro admitiu que non foron os que agardaban. “Eu cría ter un proxecto que ía contar con máis apoio da comunidade universitaria, pero non foi así, polo que teño que asumilo con humildade, con deportividade, si se pode dicir así”. Á pregunta de si pedirá o voto para Nós Universidade ou para H2040, Porteiro respondeu de xeito claro que non tomará partido. “Non teño que dicirlle a ningún dos meus votantes que é o que teñen que facer, cada un debe analizar os dous proxectos e decidir o que considere mellor”.
Se ben considerou moi precipitado facer ningún tipo de análise -“son moitos datos, moitos centros”-, admitiu que nos vindeiros días farano de xeito detallado. “Hai que ver onde se tiveron os acertos, onde puideron estar os erros na formulación do noso proxecto ou onde outros tiveron máis fortaleza. Esa análise haberá que facela posteriormente, pero polo momento non a iniciamos”, recalcou o responsable de ConSenso intres antes de desprazarse ao local electoral de H2040 para felicitar a Belén Rubio por pasar á segunda volta.
En Vigo Nós Universidade foi a opción máis votada
No campus de Vigo o número de votos válidos ascendeu a 2611 (e 65 en branco). Neste caso a vitoria nos diferentes colectivos recaeu en Carmen García Mateo. No sector PDI doutor con vinculación permanente á Universidade a súa candidatura foi a máis votada (207 votos válidos), seguida pola de Jacobo Porteiro (154) e a de Belén Rubio (144). No sector do restante persoal docente e investigador, acadou o primeiro posto Carmen García Mateo (142 votos válidos), o segundo Belén Rubio (117) e o terceiro Jacobo Porteiro (107). Polo que respecta ao alumnado, neste campus a candidatura máis votada foi tamén a de Carmen García Mateo (527 votos válidos), despois a de Jacobo Porteiro (404) e por último a de Belén Rubio (303). No PTXAS de Vigo Carmen García Mateo obtivo 278 votos válidos, seguida de Jacobo Porteiro (91) e de Belén Rubio (72). En total, neste campus Nós Universidade obtivo 1154 votos válidos, ConSenso 756 e H2040 636.
En Ourense gañou Belén Rubio
No campus de Ourense, foron 1135 os votos válidos depositados (máis 32 en branco). En todos os sectores, a candidatura de Belén Rubio quedou en primeiro lugar. No sector A (PDI doutor con vinculación permanente á Universidade) a candidatura máis votada foi a citada de Belén Rubio (109 votos válidos), seguida pola de Carmen García Mateo (46) e pola de Jacobo Porteiro (36). No sector B, o restante persoal docente e investigador, gañou tamén Belén Rubio (116 votos válidos), seguida por Carmen García Mateo (40) e por Jacobo Porteiro (36). Xa no sector C, estudantado, a candidatura máis apoiada foi a de Belén Rubio (303 votos válidos), seguida pola de Jacobo Porteiro (178) e pola de Carmen García Mateo (163). Por último, no sector D, o PTXAS, os mellores resultados foron para Belén Rubio (39 votos válidos), seguida por Carmen García Mateo (31) e por Jacobo Porteiro (6). En total, neste campus H2040 conseguiu 567 votos válidos, Nós Universidade 280 e ConSenso 256.
En Pontevedra, Carmen García Mateo
No campus de Pontevedra foron 784 os votos válidos (e 12 máis en branco). Se Belén foi a gañadora en votos en todos os sectores en Ourense, no campus de Pontevedra foino Carmen García Mateo, excepto nun caso. No sector PDI doutor con vinculación permanente á Universidade, Carmen García Mateo quedou en primeiro lugar, con 47 votos válidos; Belén Rubio en segundo, con 46, e Jacobo Porteiro en terceiro, con 28. No sector do restante persoal docente e investigador, Carmen García Mateo tamén foi a máis apoiada (43 votos válidos), Belén Rubio a segunda (36) e Jacobo Porteiro o terceiro (30). Polo que respecta ao alumnado, neste campus Belén Rubio encabeza os resultados con 195 votos válidos, seguida moi de preto por Carmen García Mateo (190) e por Jacobo Porteiro (88). Por último, no caso do PTXAS tamén gañou Carmen García Mateo (49 votos válidos) seguida por Belén Rubio e Jacobo Porteiro, que empataron a dez votos cada un. En conxunto, neste campus Nós Universidade acadou 329 votos válidos, H2040 287 e ConSenso 156.
