DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras a proclamación provisional da súa candidatura, a votación terá lugar o 27 de xullo

Carmen Hermo, única candidata ao Decanato de Belas Artes

Á fronte dun renovado equipo do que destaca o seu compromiso e capacidade de traballo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Institucional
DUVI Pontevedra 17/07/2026

A profesora do Departamento de Debuxo Carmen Hermo encabeza a única candidatura ao Decanato da Facultade de Belas Artes, tras completarse o segundo mandato do profesor Xosé Manuel Buxán á fronte do centro. Actual secretaria académica da facultade, Hermo Lage encabeza unha candidatura que completan as e os docentes Carmen Lage, Basilisa Fiestras, José Andrés Santiago e Marcos Covelo e que se someterá á votación da Xunta de Facultade o luns 27 de xullo.

Licenciada en Belas Artes pola Universidad de Salamanca e doutora pola Universidade de Vigo, Hermo salienta o “nivel de traballo e compromiso” das e dos integrantes da candidatura proclamada provisionalmente nesta xornada. Profesora da facultade  desde o curso 2017-2018, recoñece, de feito, que un dos aspectos que a levaron a dar o paso de presentar a candidatura foi contar con “xente nova á que lle apeteza involucrarse” no goberno da facultade. Nomeadamente, completan o equipo proposto as e os profesores Carmen Lage, como vicedecana académica; Basilisa Fiestras, como videcana de alumnado; José Andrés Santiago, como vicedecano responsable da área de internacional, e Marcos Covelo, como secretario académico. Trátase, subliña, dun equipo de “xente nova, implicada, que traballa moi ben, cunha metodoloxía moi efectiva”, o que á súa vez lévaa á pór de relevo que “necesitamos unha aproximación urxente” ás novas xeracións do alumnado, “moi separadas da nosa propia xeración”.

Tras a proclamación provisional nesta xornada, ábrese período de reclamacións, previo á aprobación definitiva da candidatura o vindeiro venres 24. O luns seguinte, someterase á votación das e dos 37 integrantes da Xunta de Facultade, debendo acadar máis votos a favor que en contra.

A convivencia como piar central

Respecto dos obxectivos do mandato que iniciaría, de recibir o apoio da Xunta de Facultade, Hermo destaca a convivencia como o aspecto “máis importante” da súa proposta. “A convivencia implica moitas cousas”, subliña esta artista plástica e docente, pondo de relevo a importancia de que a facultade sexa un lugar “apracible e interesante”, no que xurdan “sinerxías que nos fan traballar a todos” e onde se garanta “o necesario para poder traballar e crear”. Ao mo tempo, subliña, a convivencia ten tamén implicacións “no plano da igualdade e no plano do propio edificio”, recoñecendo as limitacións do antigo cuartel de San Fernando, “un edificio que foi rehabilitado en 1994 e que xa ten os seus achaques”. 

Nese senso, a candidata a decana sostén que “creo que necesitamos un fogar novo, un edificio realizado ad hoc para a nosa profesión”. Esta necesidade,engade, é algo “que, evidentemente, teremos que falar coa nova reitora”, sinala Hermo, quen defende “mirar con agarimo” a posibilidade de cesión á Universidade da parcela de Tafisa e avoga por “buscar un bo proxecto que nos sirva tanto a Belas Artes como a Deseño, que teñen o mesmo problema ca nós”. Non obstante, pese a que “o ideal sería un edificio novo”, incide tamén na importancia de acometer os arranxos necesarios nas actuais instalacións para “non estar en precario mentres non chegan as ideais”.

Do mesmo xeito, a candidata a decana subliña que esa idea de convivencia debe abranguer tamén “á cidade e ao contexto cultural galego”, sinalando como outro dos obxectivos reforzar a presenza e visibilidade dunha facultade na que, lembra, fórmase “o futuro da cultura” de Galicia.

Peche á etapa de Xosé Manuel Buxán

O papel de Belas Artes dentro do “contexto artístico da comunidade” é unha das cuestións destacadas polo actual decano en funcións, Xosé Manuel Buxán, como un dos aspectos positivos dos seus máis de seis anos á fronte do Decanato. “Creo que somos unha das facultades de Belas Artes mellor posicionadas no contexto social, cultural e profesional”, salienta Buxán Bran, que lembra que se trata dun traballo “que xa viña de antes e que continuamos a consolidar”. Profesor do Departamento de Escultura, foi elixido decano en setembro de 2019, iniciando en marzo de 2023 un segundo mandato de tres anos. Completado este, continuou á fronte do centro como decano en funcións, despois de que a falta de candidaturas levase á xunta electoral do centro a aprobar en marzo unha modificación do calendario electoral inicialmente previsto, adiando as eleccións a este mes de xullo.

Facendo balance desta etapa, Buxán destaca tamén “que o mellor que me levo é o equipo humano, as persoas que se foron implicando no goberno da facultade”, tanto nos equipos decanais como nas diferentes comisións. Así mesmo, salienta a posta en marcha, no presente curso, do Máster en Creación Artística Contemporánea, co que a facultade recuperaba os estudos de mestrado. Por outra banda, sinala como aspectos “negativos” desta etapa que “seguimos tendo un edificio que nos dá moitas complicacións”, así como o feito, apunta, “de que non conseguín neste tempo consensuar co profesorado un novo plan de estudos” para o Grao de Belas Artes, “ao que un equipo de traballo dedicamos moitas horas e moitas reunións”.