DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No cuarto Congreso da Rede Española de Elección Social

Carmen Herrero teoriza sobre os procesos de asignación de bens na sociedade

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 16/11/2007
A análise das condicións para asignar bens dun tipo específico moi simple ao conxunto de axentes que demandan unha destas unidades é o tema sobre o que versou a conferencia que Carmen Herrero, catedrática de Fundamentos de Análise Económica da Universidade de Alacante, ofreceu na inauguración do cuarto Encontro da Rede Española de Elección Social (REES). O obxectivo deste simposio científico que reúne a investigadores e profesores universitarios é estudar os diversos tipos de problemas de decisión colectiva que existen na sociedade. Trátase dun “campo moi amplo que inclúe temas relacionados co reparto de bens e coas decisións políticas sobre o deseño de mecanismos para as eleccións”, tal como afirmou a profesora Herrero.
As materias teóricas desenvolvidas neste congreso teñen unha clara aplicación na vida real, que a tódolos niveis está pragada de decisións colectivas, dende o mecanismo de acción dunha comunidade de veciños ata o sistema de elección parlamentario.

Regras de asignación

“O problema da distribución de bens entre os axentes demandantes é que non todos teñen os mesmos dereitos, polo que hai que estudar a forma de facer o reparto”, tal como destacou Herrero. Haberá que plantexarse se se ten en conta a orde de petición ou se establecen unhas regras de asignación que axuden a decidir qué grupos de axentes teñen prioridade. O obxectivo primordial é dar equilibrio ao proceso e “conseguir que a poboación demandante saia beneficiada ou prexudicada nunha mesma dirección”, segundo palabras da relatora.

O campus escenario das sesións

O cuarto Encontro da Rede Española de Elección Social está organizado polo grupo REAG, creado na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais no 2002 co obxectivo de desenvolver estudos no ámbito da economía. As conferencias deste ciclo, que se desenvolve ata o 17 de novembro, conta con importantes investigadores e expertos procedentes de diversas universidades, entre os que destaca Marc Vorsatz, Amparo Mármol Conde, Leticia Lorenzo Picado ou Noemí Navarro Prada.