DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A conselleira delegada de Leche Río impartiu unha conferencia en Ciencias Sociais e da Comunicación

Carmen Lence: “Non queremos comunicarnos como unha empresa de leite, senón como unha filosofía de vida”

Promovida pola Cátedra Empresa Familiar e inserida na programación de ‘Culturkata 2022’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 26/04/2022

Contar unha historia, a historia de superación do fundador da empresa, Jesús Lence, pero tamén a historia do sector lácteo galego. Esta idea constitúe a base da comunicación de Leche Río, como explicou nesta xornada na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a súa conselleira delegada, Carmen Lence. “Nós non queremos comunicarnos como unha empresa de leite, queremos comunicarnos como unha filosofía de vida, porque a final a superación é unha filosofía de vida”, salientou unha empresaria, que o pasado ano foi escollida unha das cen mulleres líderes máis influentes do país, nun coloquio patrocinado pola Cátedra Empresa Familiar da Universidade de Vigo e inserido na programación de Culturkata 2022.

Nunha conferencia titulada Como empregar o storytelling na empresa familiar, Lence contrapuxo dous xeitos de comunicar, un centrado “principalmente nos números” e dirixido á razón, "que é o que máis se utiliza no mercado empresarial”, e outro baseado “na forma na que nos comunicamos desde a noite dos tempos, que é a de contar historias”. Esta segunda, destacou, é a que permite “relacionarte coas persoas de maneira emocional” e nela susténtase unha estratexia comunicativa que deu lugar, como explicou, ao lema Actitud Río. “Decidimos comunicarnos dunha maneira completamente diferente”, salientou Lence, nunha actividade que abriron as intervencións da decana, Emma Torres, o vicerreitor do campus, Jorge Soto; a codirectora da Cátedra Empresa Familiar, Elena Rivo, e o presidente da Asociación Galega de Empresa Familiar, Víctor Nogueira.

Empresas que representan máis do 80% do emprego privado

Como “unha das mulleres de referencia no ámbito da comunicación”, presentou a decana a protagonista dunha conferencia que permitiu ao alumnado coñecer de primeira man a importante función que como profesionais da comunicación poderán xogar no día de mañá no mundo empresarial. Torres lembrou así mesmo que Culturkata propón nestes días unha serie de "actividades que van máis aló das propias clases", coa participación de profesionais de diferentes ámbitos, ao que o vicerreitor engadiu que “faise Universidade con este tipo de actividades, que teñen que ver co mundo real”, pondo tamén de relevo a importancia que esta programación outorga “á innovación, a creatividade e, sobre todo, á comunicación” na formación dos futuros e futuras profesionais.  

Por outra banda, a profesora Elena Rivo lembrou aos e ás asistentes a importancia que ten en Galicia a empresa familiar, que abrangue desde pemes ata multinacionais e que “representan máis do 80% do empresariado en España e preto do 93% en Galicia”. Nesa mesma liña pronunciouse tamén Nogueira, que apuntou que “o 86% do emprego privado xerado” na comunidade corresponde ás empresas familiares, ao igual que “o 85% do valor engadido bruto xerado na economía”. 

Unha historia de superación dentro dunha historia de superación

Tras vivir e traballar en sete países, Carmen Lence situouse en 2019 á fronte de Leche Río tras o falecemento de seu pai, Jesús Lence, fundador, como lembrou, “dunha das empresas lácteas máis poderosas do país”, a única galega que se sitúa entre as dez firmas máis importantes deste sector en España. De aí que presentase a súa conferencia como “unha historia de superación, que está dentro doutra historia de superación”. Non en van, sinalou, seu pai lideraba a empresa “dunha forma moi personalista”, o que fixo que o seu falecemento xerase “incertezas” respecto da continuidade da compañía. 

Neste punto, Lence puxo de relevo en primeiro termo a importancia de “crear confianza” e para iso, lembrou, é necesario comunicar. “A xente non ten porque saber quen son. É o meu traballo contalo e pór en valor o que somos e o que nos fai diferentes”, salientou a conselleira delegada de Leche Río. Neste punto, lembrou que o primeiro factor diferencial era o propio feito de “ser unha empresa familiar galega” e que a partir de aí “é importante contar a historia de superación do sector lácteo” nunha comunidade “que produce o 40% do leite que se consume en España e que é a oitava rexión europea” con maior produción. Non obstante, en Galicia “transformamos menos do 50% do leite que producimos”, mentres que a outra metade “está pagando impostos e creando emprego fóra” o que ao seu xuízo supón “unha traxedia que hai contar”. 

Ser a única empresa galega entre os dez principais produtores do sector en España é a terceira que máis leite recolle en Galicia é algo “que fainos únicos”, salientou Lence, que incidiu na importancia da empresa para o sector como algo que “hai que pór en valor”. Mais, alén disto, o grupo ten tamén outra “historia única”, a do seu fundador, que comezou “por casualidade” neste sector tras recibir tres camións cisternas como pago a unha débeda cando rexentaba unha pequena gasolineira. “Cinco valores fundamentais”, a coraxe, a perseveranza, a iniciativa, a colaboración e a excelencia motivaron o éxito do proxecto empresarial impulsado por sei pai, explicou Carmen Lence, que destacou que son eses valores os que sustentan a idea de Actitud Río, que se basea no “propósito de alimentar ese espírito de superación”. Esa historia de superación, explicou, represéntase tanto no embalaxe dos seus produtos, como nas súas campañas publicitarias, coas que buscan que o consumidor non os relacione cun produto, senón “coa historia do sector lácteo galego, dos gandeiros e dunha empresa de tamaño medio que se pelexa con multinacionais”.