DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acompañada polo reitor, visitou o MTI, Cimbio, Cacti, atlanTTIc e CIM 

Carmen Pomar gaba, na súa primeira visita á Universidade, a investigación de excelencia que se desenvolve nos centros singulares

Preto de 600 científicas e científicos traballan nos centros da institución

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Visitas
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría / D. Besadío DUVI 08/01/2019

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, eloxiou esta mañá no campus vigués “a investigación de excelencia de moitísima calidade” que está a desenvolver nos centros singulares e agrupacións estratéxicas da Universidade de Vigo, que o seu departamento, lembrou, financia con 12,5 millóns de euros. Na súa primeira visita á institución académica viguesa, despois do seu nomeamento como conselleira o pasado mes de setembro, Pomar percorreu acompañada do reitor, Manuel Reigosa, e unha representación do seu equipo de goberno, as instalacións do Centro de Investigación Tecnolóxico Industrial, MTI; o Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio; o Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico á Investigación, Cacti  e o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, para a continuación dirixirse ao Centro de Investigación Mariña, CIM, na Illa de Toralla.

Pomar explicou que a súa presenza no campus insírese nun programa de visitas que está a realizar aos centros de investigación, fundamentalmente singulares, das tres universidades galegas, incidindo en que “é moi importante coñecer de primeira mar como traballan os investigadores galegos, así como ver os resultados da investigación e dos proxectos que estes equipos teñen en marcha”. Neste sentido, a titular de Educación da Xunta destacou que os resultados da investigación que se desenvolve nos centros permiten xerar gran cantidade de transferencia de coñecemento “desde patentes ata spin-off e uns resultados de máis de 16 millóns de euros de media anual”, sinalou Pomar.

“Nós queremos facelo extraordinariamente ben”

Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo agradeceu a visita de Pomar, ao tempo que manifestou a súa satisfacción polo desenvolvemento dos centros singulares “porque a investigación de alto nivel só se pode facer con conxuntos de xente importante, que poidan colaborar e acceder a grandes equipamentos”. Manuel Reigosa expresou a súa confianza en que a institución académica poida manter o éxito acadado nas derradeiras convocatorias de investigación, ao tempo que asegurou que “todas as institucións o están a facer moi ben e nós queremos facelo extraordinariamente ben”. Neste sentido, Pomar lembrou que Galicia é a única comunidade autónoma que ten un plan de financiamento estable a grupos de investigación de seu “e queremos seguir apostando por este plan de financiamento”.  A conselleira lembrou ademais, que no compromiso da procura da excelencia recentemente se constituía a Comisión Asesora do Programa de Centros de Investigación Singulares e Agrupacións Estratéxicas do Sistema Universitario de Galicia “con investigadores chegados de moitos centros do Estado e fóra, para que cada vez se coordinen máis e se formen os investigadores galegos”, lembrou Pomar. 

Preto de 600 científicas e científicos, de preto de 40 grupos, desenvolven na actualidade a súa actividade nos centros singulares e agrupacións estratéxicas de investigación da Universidade de Vigo.

Conversas sobre a ETEA 

En relación co futuro dos terreos cedidos pola Xunta á Universidade de Vigo na ETEA, a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional confirmou esta mañá no campus vigués que neste intre o seu departamento está a manter conversas co equipo de goberno da institución académica “para darlle saída e reformular o proxecto presentado e ver o uso e tamén a forma que se lle vai dar”.