DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes entregáronse os galardóns convocados pola Facultade de Historia

‘Cartas dende a miña trincheira’ gaña o premio ao proxecto máis innovador de ensino de Xeografía e Historia

Foi desenvolvido este curso académico no IES Ricardo Mella de Vigo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 29/06/2021

A Facultade de Historia do campus de Ourense puxo en marcha este curso académico o Premio #XenteQueFaiHistoria: Como ensinas Xeografía e Historia?. Nel, convidábase ao profesorado de Xeografía e Historia de Educación Secundaria Obrigatoria de centros educativos de Galicia a presentar os seus proxectos de ensino máis innovadores. Este martes déronse a coñecer as e os gañadores e o primeiro premio foi para o proxecto Cartas dende a miña trincheira, da profesora Leonor Giménez, do IES Ricardo Mella de Vigo. Ademais, quedou de primeiro finalista o proxecto Reporteiros viaxeiros. A través do tempo, da docente María Isabel González, do IES Afonso X O Sabio de A Coruña, e de segundo finalista De profesión: arqueólog@, de Paula Cadaveira, do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña).

A entrega de premios celebrouse este martes na Facultade de Historia. Nela, Susana Reboreda, responsable do centro, agradeceu ao profesorado participante que se animase a presentar os seus proxectos e a apostar pola innovación docente. “Pensamos que estes galardóns son unha boa forma de premiar algo que é evidente: o labor dos profesores e profesoras é fundamental en todas as etapas para que un estudante senta paixón por unha materia”, sinalou. A historia, indicou, “lamentablemente segue entendéndose como algo de chapar” polo que subliñou a importancia de desenvolver  proxectos innovadores neste eido e “crear vocacións”.

Tres proxectos

En total presentáronse sete propostas a estes premios, cifra que desde a Facultade de Historia salientan que é satisfactoria tendo en conta que é a primeira edición do certame e que “facer cousas diferentes non é doado”. No acto de entrega de premios, as e os asistentes puideron ver un vídeo explicativo de cada un dos proxectos finalistas e do gañador. Cartas dende a miña trincheira, explicou, Leonor Giménez, foi un proxecto desenvolvido este curso académico en cuarto curso da ESO. Nel, o alumnado traballou arredor da primeira Guerra Mundial a través dun proxecto que consistiu en pórse na pel dun soldado ou dunha enfermeira no campo de batalla e elaborar unha carta como se fose feita por el ou ela. O traballo levounos previamente a ver a película 1917 e a somerxerse nas cartas de soldados e enfermeiras canadenses dispoñibles na web Canadian Letters. O obxectivo do proxecto, sinalou a súa responsable, foi que o alumnado empatizase, que se puxese na pel destas persoas e que visen o terrible que pode ser unha guerra e as súas consecuencias. Os resultados da iniciativa, apuntou, “foron moi satisfactorios”, recalcando a implicación do alumnado desde o primeiro momento.  

Reporteiros viaxeiros. A través do tempo foi pola súa banda unha iniciativa da profesora María Isabel González desenvolvida con alumnado de primeiro curso da ESO do IES Afonso X O Sabio de A Coruña. Nela, as e os rapaces realizaron un telexornal “histórico” no que as novas feitas polos rapaces e rapazas abordaban temas como a morte de Tutankamón, a destrución de Pompeia ou a invención do lume. Destacando os bos resultados do proxecto, a súa responsable recalcou a importancia deste tipo de iniciativas para fomentar a motivación, a aprendizaxe, a integración e a inclusión do alumnado.

Por último, De profesión: arqueólog@, de Paula Cadaveira, foi unha iniciativa levada a cabo no IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña) con alumnado de primeiro da ESO. As e os rapaces tiñan que construír un pequeno xacemento arqueolóxico prehistórico nun cubo de cartón ou plástico, “escavar” o feito por outros compañeiros e compañeiras e finalmente facer un informe sobre a intervención arqueolóxica. Salientando a boa acollida e resposta por parte do alumnado desta iniciativa, Paula Cadaveira amosou a ledicia que para as e os estudantes e o centro participante supón o recoñecemento deste tipo de iniciativas innovadoras con premios como os postos en marcha pola Facultade de Historia.

Valorar e dar visibilidade

Os obxectivos do Premio #XenteQueFaiHistoria: Como ensinas Xeografía e Historia?, que a Facultade de Historia agarda teñan continuidade o vindeiro curso académico, son “valorar e dar visibilidade ao uso de metodoloxías innovadoras na docencia da Xeografía e Historia no Ensino Secundario Obrigatorio” e “expresar o recoñecemento da Facultade de Historia ao esforzo realizado pola innovación no ensino da Xeografía, da Arte e da Historia, así como fomentar a conciencia crítica e a necesidade da protección do patrimonio cultural”. O certame tamén quere “estreitar a relación entre os centros de ESO e o seu profesorado e a Universidade de Vigo” e “fomentar a relevancia das disciplinas humanísticas para a comprensión e respecto do mundo actual, a atención á diversidade e a perspectiva de xénero”. Os tres proxectos seleccionados polo xurado dos galardóns serán publicados nun pdf de libre acceso. Ademais, o primeiro clasificado recibiu un trofeo, un bono regalo e un diploma acreditativo e cada finalista un trofeo e un diploma acreditativo.