DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizada pola vicerreitoría do campus de Pontevedra

A Casa das Campás acolle a conferencia "Golpes en primeira persoa"

Contará coas experiencias das persoas que viven de cerca este problema

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 03/12/2007

A sede da vicerreitoría do campus de Pontevedra organiza unha conferencia, con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que pretende mostrar un punto de vista diferente ao habitual no trato deste tema. Golpes en Primeira Persoa é o título da charla que ten o obxectivo expor o problema dos malos tratos ás mulleres desde un punto de vista máis humano, apartado das cifras e das políticas institucionais. “Trátase de conseguir unha reflexión sobre como a violencia de xénero pode afectar a calquera, quizás non a nós mesmos, pero pode que as nosas irmás, fillas, ... e todos debemos actuar para parar isto”, explicou a coordinadora e directora da Área de Extensión Universitaria e Estudantes da Universidade de Vigo, Ana Belén Fernández Souto.
A conferencia, que terá lugar este martes, 4 de decembro, na Casa das Campás, contará coa participación de profesionais que están en contacto permanente coas vítimas dos malos tratos. Deste xeito, “preténdese achegar á cidadanía o aspecto máis próximo e máis real de esta problemática, dando o punto de vista das afectadas e das persoas que o viven de cerca”, engadiu Ana Belén Fernández.

 

Relatorios e poñentes

Catro serán as conferencias que a partir das sete da tarde tratarán este delicado tema cun posterior coloquio. En primeiro lugar, a coordinadora da Asociación Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos, Rosa Fontaíña, abrirá a xornada co relatorio Mulleres contra a violencia. Pola súa banda a responsable do programa Galicia de Reinserción de Maltratadores, Francisca Fariña, falará na súa conferencia, Galicia de reeducación de maltratadores unha obriga e un dereito, sobre este proxecto tan cuestionado socialmente.
Para aportar unha visión xurídica e máis institucional, a avogada e membro do Centro de Información ás Mulleres de Caldas, Ángela Mosquera, exporá o tema Cando e cómo a violencia de xénero chega aos xulgados. Finalmente, un oficial de policía, encargado de velar pola seguridade das mulleres maltratadas, falará sobre como facilitar e axudar na seguridade a estas persoas.