DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizada polo grupo de investigación Food and Health Omics

Case 190 persoas participan na IV Xornada Anual sobre Políticas Alimentarias

A actividade celebrouse este venres na Facultade de Ciencias

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 24/04/2026

O grupo de investigación Food and Health Omics da Universidade de Vigo celebrou este venres no campus de Ourense a IV Xornada Anual sobre Políticas Alimentarias, que levou por lema Alimentos funcionais e saúde: novas oportunidades para o sector agroalimentario. A cita, con arredor de 185 persoas inscritas, supuxo "unha oportunidade única para coñecer de primeira man como a ciencia e a innovación están a impulsar unha nova xeración de alimentos orientados á saúde e ao benestar da sociedade". Nela presentáronse avances científicos, experiencias empresariais e casos de éxito ao redor dos alimentos funcionais, fomentando o diálogo entre a empresa, a universidade e as administracións públicas. 

A xornada, que tivo lugar na Facultades de Ciencias, contou co apoio do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia. Na súa apertura, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, puxo en valor o labor investigador que se fai no campus de Ourense no eido temático das xornadas, nomeadamente na Facultade de Ciencias, no Campus Auga e no Instituto de Agroecoloxía e Alimentación. 

As investigadoras do grupo Food and Health Omics Beatriz Cancho e Raquel Rial foron unha edición máis as organizadoras da actividade. Amosando a súa satisfacción pola boa acollida que ten a xornada ano tras ano, sobre a temática elixida para esta edición as súas responsables sinalaron que “a nosa esperanza de vida é cada vez maior e envellecer con boa saúde converteuse nun dos grandes retos da nosa sociedade. Neste escenario, onde a innovación e a evidencia científica marcan o futuro da alimentación, o desenvolvemento de alimentos funcionais constitúe unha ferramenta estratéxica que contribúe a crear valor engadido dentro do sector agroalimentario”.

Da empresa á universidade

Tras a presentación da xornada feita por Francisco Javier Rodríguez, a programación arrancou cunha intervención sobre a sinerxía universidade-empresa e a ciencia, saúde e innovación no sector dos alimentos funcionais, a cargo de Helena Jamardo, da área de innovación, transformación dixital e emprendemento de Clusaga, e outra titulada Garantindo funcionalidade e saúde: estratexias para a vixilancia de contaminantes químicos, a cargo de Fernando Alén, responsable de produto en seguridade alimentaria operacional de Nestlé Global IT Hub. Pola súa banda, M.ª Eugenia Juncal, responsable de innovación de Campomayor, falou de innovación no sector do ovo (da seguridade alimentaria á nutrición preventiva); e Ismael Martínez, responsable de innovación de Clun, sobre Leite Unicla A2: innovación en saúde e sostibilidade avalada por evidencias científicas e ensaios clínicos

A xornada tamén incluíu conferencias sobre a innovación enfocada na saúde preventiva, ofrecida por Jorge Núñez, de Minimelis; sobre Oildiabet: Intervención dietética para avaliar o potencial antidiabético dos aceites de oliva galegos, a cargo de María Figueiredo, do grupo de investigación Food and Health Omics; e sobre Algabi-Epigut e a validación dun alimento fermentado con algas como modulador epixenético do estado inflamatorio e nutricional en enfermidade inflamatoria intestinal, ofrecida por Ana Belén Crujeiras, directora do grupo de investigación de Epixenómica en Endocrinoloxía e Nutrición do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).