DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Geaat intervén neste xacemento dos concellos de Oímbra e Monterrei

O castelo de Lobarzán comeza a rexurdir

Os primeiros traballos realizados permiten ver a súa configuración e dimensión

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Ourense 23/07/2019

Desde o pasado 8 de xullo un equipo da Universidade de Vigo realiza a primeira intervención arqueolóxica no castelo de Lobarzán ou castro das Laxes das Chás, nos concellos ourensáns de Oímbra e Monterrei. Os primeiros traballos realizados no xacemento están dando, segundo os seus responsables, moi bos resultados, “mudando completamente a perspectiva que tiñamos da dimensión do castelo e da súa configuración”.

O xacemento foi visitado este martes por Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense; Ana María Villarino, alcaldesa de Oímbra; Marina Salgado, concelleira de Monterrei; Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia; Beatriz Comendador, directora do proxecto, e Victor Rodríguez, director do traballo de campo. A intervención, lembrouse na visita, xorde no marco dun convenio de colaboración asinado o pasado mes de abril entre a Universidade de Vigo e os concellos ourensáns de Oímbra e Monterrei para a realización de diversas actividades de recuperación patrimonial, paisaxística e etnográfica da área arqueolóxica do castelo de Lobarzán e a súa contorna a cargo de membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) da Universidade de Vigo. O proxecto conta para a súa realización cunha subvención Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia (GDR O9 Asociación Monteval), sendo o orzamento total de 46.222 euros concedido a ambos concellos.

Dous sectores de traballo

Na intervención participan sete arqueólogos e dúas persoas de apoio, aos que hai que engadir persoal externo que participará en tarefas de levantamento do xacemento con dron e análise de cerámica en laboratorio, entre outras. Sobre o traballo realizado nas primeiras semanas de intervención, os seus responsables sinalan como “o balance ata o momento é moi favorable”. “Xa se fixeron todos os labores de retirada de derrube e de desbroce, o que permitiu completar a visión que se tiña do conxunto das estruturas, especialmente do sector do castelo”, comenta Victor Rodríguez. A zona que ocupa o xacemento, explican os responsables do proxecto, é un recinto de arredor de 5,5 hectáreas e nel a intervención arqueolóxica realízase en dous sectores. O primeiro deles é o coñecido como monte do castelo, onde ao inicio do proxecto se conservaba unha parte mínima das súas estruturas á vista, e o segundo dos sectores é o coñecido como A Cerca, A Ceadá, onde se partiu de dúas tumbas escavadas nas rochas xa coñecidas.

Na zona do castelo, comenta Victor Rodríguez, “os resultados foron espectaculares, cambiou completamente a perspectiva que tiñamos da súa dimensión e da súa configuración”. O seu recinto, indica, agora é visible de maneira íntegra “cunha dimensión bastante maior á esperable, porque había unha zona inexpugnable por causa dunha maleza moi mesta que  impedía entrar por outras frontes”. Este recinto defensivo, engade o arqueólogo, engloba unha torre, “da que se coñecía a súa existencia pero da non se podía ver claramente a súa configuración”. Coa limpeza feita, detalla, pódese ver xa “que se trata dunha torre cuadrangular, cunha construción moi sólida, con cantería moi ben traballada, moi rexia, apoiada parcialmente en bolos graníticos naturais e rodeada por unha liña de muralla”. Esta liña de muralla, engade, agora pódese ver integramente, xa que ata o de agora só se coñecía unha das súas frontes. “Esta muralla engloba outras estruturas que consideramos que poden ser anteriores, de época romana, e que continúan en uso no alto medievo”, sinala Rodríguez Muñiz.

No sector coñecido como das tumbas, os responsables da intervención indican que se descubriu unha nova estrutura na que se vai facer unha cata arqueolóxica a semana próxima. “Agardamos que con esa cata obteñamos información suficiente que nos permita identificar a súa funcionalidade e a súa datación con criterios máis científicos”, comentan.  A segunda das catas terá lugar na torre do castelo.

Pola súa posición estratéxica, como balcón natural aos ríos Támega e Bubal, e pola súa riqueza natural, biolóxica e xeolóxica, os responsables do proxecto lembran como se baralla a hipótese de que o xacemento tivera unha ocupación continuada ou case continuada de catro milenios, cunha secuencia histórica que parece abranguer desde o mundo calcolítico ata a demolición do castelo de Lobarzán arredor de 1460. Como mostra desta ocupación prolongada, no marco dos traballos previos á posta en marcha deste proxecto, nun abrigo natural deste enclave, descubríronse pinturas rupestres da tradición esquemática, realizadas sobre granito, sendo os primeiros motivos en Galicia que se atopan neste tipo de soporte.

Durante a visita tamén se falou das andainas que comezan a organizarse arredor deste xacemento, que comezarán o venres 26 de xullo. A alcaldesa Ana Villarino anunciou unha segunda andaina para o día 2 de agosto, ao remate dos traballos, e a veciñanza organiza outra para o día 3 de agosto.