DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O traballo está realizado polo biólogo ourensán Mauro Rivas

Un catálogo micolóxico identifica 165 especies diferentes na Reserva da Biosfera de Allariz

É froito do seu traballo fin de grao

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 19/02/2019

Un catálogo micolóxico que identifica 165 especies diferentes no territorio da Reserva da Biosfera Área de Allariz. Este é o froito do traballo fin de grao do ourensán Mauro Rivas, realizado baixo a dirección de Marisa Castro, profesora da Universidade de Vigo, e presentado na Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo no ano 2018. “A información obtida sobre os exemplares e as especies diferentes recollidas excederon con moito as expectativas", comenta o autor do estudo.

Segundo explican en nota de prensa desde o Concello de Allariz, o catálogo refírese ao territorio da reserva conformado polos concellos de Allariz, A Bola, Rairiz de Veiga e Vilar de Santos. O traballo, detallan, permitiu identificar en campo 149 especies diferentes de macromicetos, que xunto ás 16 xa identificadas en bibliografía fan que no territorio da Reserva da Biosfera Área de Allariz estean identificadas 165 especies micolóxicas diferentes. Delas, indican, 49 especies foron identificadas por primeira vez na provincia de Ourense e destas, 11 foron por primeira vez citadas en Galicia. Para a identificación particular de parte dos exemplares, apuntan desde o Concello de Allariz, foi preciso realizar análises filoxenéticas. Este proceso levouse adiante no Naturalis Biodiversity Center nos Países Baixos dentro dunha estadía Erasmus do autor. Sobre este traballo, a revista Mykes, do Grupo Micolóxico Galego, recolle un artigo sobre os cogomelos recollidos en Allariz que son citados por primeira vez en Ourense e/ou Galicia.

O estudo realizado por Mauro Rivas, explica pola súa banda Bernardo Varela, xestor da Reserva da Biosfera e concelleiro de Medio Ambiente de Allariz, “referenda a importancia da biodiversidade que ten un territorio" polo que, engadiu, "á Reserva da Biosfera gustaríalle contar con colaboración doutros departamentos universitarios para a elaboración de estudos amplos sobre as plantas e animais que habitan este espazo protexido”.